420.000 euros para a restauración do Colexio da Compañía de Monforte
O Goberno autonómico investirá 420.000 euros nos traballos de restauración do Colexio do Cardeal, tamén coñecido como Colexio da Compañía, segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita a Monforte. O proxecto, que se adxudicou hoxe, ten un prazo de execución de seis meses e pretende resolver "os principais problemas de conservación do monumento".
Así, os traballos de restauración permitirán solucionar as afeccións que sofre o inmoble, entre elas as gretas provocadas na igrexa polo célebre terremoto de Lisboa de 1755 que, aínda que non comprometen á estabilidade das bóvedas, é preciso corrixir.
Entre as actuacións previstas atópase tamén a restauración e posta en valor do pasadizo que existe detrás do presbiterio e que comunica as dúas alas da planta baixa. Este pasadizo reformouse por última vez no ano 1835 e sofre un importante deterioro. Actuarase tamén nas carpinterías do tambor da cúpula para evitar as filtracións de auga que están a degradar a estrutura da bóveda e aplicarase un tratamento de desinsectación no pavimento de madeira e os elementos mobles da igrexa.
Os traballos que se veñen de adxudicar serán os primeiros que se leven a cabo no Colexio Cardeal desde a súa declaración como Ben de Interese Cultural, un recoñecemento que o BOP recollía onte mesmo.