350 persoas participaron nas propostas enoturísticas da Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

Desde o venres 23 de maio ata este domingo, a Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebrou unha nova edición da Primavera de Portas Abertas. Durante tres días, os establecementos asociados á ruta ofreceron descontos e actividades especiais para o público interesado. Ademais, desenvolvéronse propostas enoturísticas promovidas por Turismo de Galicia, que trouxeron ao territorio a 350 persoas interesadas en coñecer máis sobre a cultura, o patrimonio, a gastronomía e a tradición vitivinícola da zona.
As persoas participantes nestas propostas gozaron de visitas guiadas e degustacións en adegas como: Adega Vella, Amedo, Bodega Proencia, Bodega Ribada, Cachín, Casa Moreiras, Rectoral de Amandi, Condado de Sequeiras, Finca Míllara, Ponte da Boga, Ronsel do Sil, Val de Quiroga e Vía Romana.
Ademais do tradicional Bus do Viño, houbo diferentes propostas de rutas enoturísticas: Ouro, Aceite e Viño de Quiroga; Ruta do Románico de Sober; Entre Auga e Viño, que levou ás persoas participantes polo Miño na lancha Quinta Sacra desde o pantalán de Pincelo ata o da Míllara; a Ruta do Camiño de Inverno, para facer os cóbados de Belesar; e Entre Miradoiros do Canón do Sil.
Este ano comezouse coa Cata Maridaxe Viños e Flores, guiada pola sumiller Mercedes González, no Centro do Viño da Ribeira Sacra. O sábado programouse unha actividade novidosa: Viño e Jazz. O grupo Gabi Triana Quintet ofreceu un concerto nos Chancís, no concello de Sober. Durante a actuación, á que asistiron máis de 60 persoas, serviuse unha degustación de viños da D.O. Ribeira Sacra. A xornada acompañou, e á beira do río, viño e jazz fixeron un maridaxe perfecto.
Durante esta Primavera de Portas Abertas, foron tamén puntos de referencia para os visitantes que acudiron pola súa conta o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, o Ecomuseo de Arxeriz, o Museo Etnográfico de Quiroga e Enoturismo Galicia, coa súa oferta de rutas guiadas en segway.