35 concellos ourensáns recibirán axudas á adaptación funcional de vivendas de persoas maiores de 65 anos

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Con estas achegas a Deputación atenderá o 100% das solicitudes presentadas, cun importe próximo a 100.000 euros
pazo-provincial-da-deputacion-de-ourense
18 Jul 2025

A Deputación de Ourense dará resposta a todas as peticións recibidas dentro da nova liña de axudas destinada á adaptación funcional de vivendas para persoas maiores de 65 anos. En total, foron concedidas 55 subvencións repartidas entre 35 municipios da provincia, cun orzamento que rolda os 100.000 euros, a contía total habilitada para esta iniciativa.

A maioría das solicitudes foron tramitadas a través dos servizos sociais dos concellos, que foron informados do programa durante unha xornada técnica celebrada no Pazo de Guizamonde o pasado mes de maio. Os municipios nos que residen as persoas beneficiarias son: Amoeiro, Bande, O Barco de Valdeorras, Os Blancos, Castrelo de Miño, Cenlle, Cualedro, Entrimo, Esgos, A Gudiña, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Melón, Muíños, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar, Petín, Piñor, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Ribadavia, Riós, A Rúa, Toén, A Veiga, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

Esta primeira edición do “Programa de adaptación de vivendas para maiores de 65 anos” está promovida e xestionada pola Área de Benestar da Deputación. O obxectivo principal da convocatoria é facilitar a mellora da accesibilidade e funcionalidade das vivendas habituais das persoas maiores.

As axudas abranguen dúas modalidades principais: por unha parte, o alugueiro de equipamento técnico como camas articuladas, cadeiras de rodas para uso doméstico, guindastres ou salvaescaleiras; por outra, obras de reforma que contribúan a unha mellor calidade de vida dentro do fogar.

Entre os requisitos para acceder ao programa figuraba ter 65 anos ou cumprilos ao longo de 2025, estar empadroado nun concello da provincia con menos de 20.000 habitantes e dispoñer duns ingresos que non superasen tres veces o IPREM.

⚙ Configurar cookies
0.15731811523438