30.000 euros para a promoción do Museo Galego do Ferrocarril de Monforte
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia e delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asinaron o convenio de colaboración para promocionar o Museo Galego do Ferrocarril en Monforte de Lemos cunha achega de 30.000 euros neste ano por parte da Xunta.
O convenio de colaboración foi selado vía telemática e estará vixente ata o vindeiro 31 de decembro, incluíndo a financiación das actividades realizadas desde o 1 de xaneiro deste ano.
Mediante este acordo a Xunta apoia o mantemento do Museo Galego do Ferrocarril, que alberga un importante patrimonio industrial ferroviario e a promoción das actividades de exhibición dos seus fondos materiais.
Neste marco de promoción do museo inclúense tamén actividades de divulgación do patrimonio que alberga o museo entre a sociedade, xunto co fomento do ferrocarril como modo de transporte sustentable.
Ademais do esforzo que nos últimos anos a Xunta está a levar a cabo na planificación e execución da oferta intermodal de transporte na comunidade e das infraestruturas do transporte de viaxeiros en colaboración coas distintas administracións públicas, o Goberno galego tamén é consciente da importancia de conservar e preservar elementos tradicionais representativos dos diferentes modos de transporte e, máis concretamente, do transporte ferroviario.
Deste xeito, mediante este convenio o departamento que dirixe Ethel Vázquez busca garantir o mantemento do patrimonio do museo cara ao futuro e difundir os beneficios socioeconómicos e medioambientais deste medio de transporte.