3 Novos Policías Locais reforzan a seguridade da Cidade de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu a toma de posesión coma funcionarios de carreira de tres novos policías municipais da cidade do Cabe, que pasan a pertencer ó cadro de persoal do Concello de Monforte de Lemos. No acto estivo acompañado da 1ª tenente de alcalde, Gloria Prada, o secretario do Concello, José Antonio Mourelle, e o inspector xefe da Policía Local, Miguel Martínez.
Os tres novos axentes da Policía Local de Monforte son Iván Pérez Nogueira, de O Carballiño, Francisco Cao de Jesús, de A Estrada, e Adrián Conde Castro, natural de Lugo. Deste xeito, xa ocupan a súa praza no Concello de Monforte, encadradas na escala de Administración Especial, escala básica, na categoría de axente de Policía Local, grupo C1.
Neste acto, o alcalde aproveitou tamén para departir cos 3 sobre o funcionamento do corpo da Policía Local e outros aspectos relacionados coas súas futuras funcións na cidade e no conxunto do Concello. E tamén lles desexou moita sorte nesta nova etapa que comezan ó servizo dos cidadáns de Monforte.
Tras superar o correspondente proceso selectivo convocado polo Concello en 2021, os tres axentes iniciaron as súas prácticas no municipio dende o 12 de xullo ata o 5 de setembro. A continuación, incorporáronse á Academia Galega de Seguridade Pública de A Estrada para completar a súa formación, dende o 6 de setembro ó 22 de decembro.
Para rematar, levaron a cabo un último período de prácticas dende o 23 de decembro de 2021 ata o 31 de xaneiro de 2021, superando todo o proceso de xeito satisfactorio.