A Feira do Viño de Chantada acolleu a entrega dos premios aos mellores viños
O Concello de Chantada celebrou a súa Feira do Viño, na que se entregaron os premios da cata oficial que se celebrou o sábado na adega Castrofiz e os premios da cata popular que tivo lugar o sábado pola tarde.
Ás 12.00 horas Queiman e Pousa estreou ante os centos de persoas presentes no recinto da Feira o espectáculo de homenaxe aos viticultores De Pura Cepa e, posteriormente, a escritora Fina Casalderrey ofreceu o pregón desta XLI Feira do Viño de Chantada. No seu pregón, a autora e profesora, subiu ao Faro e divisou as vistas que fan de Chantada, Corazón de Galicia, lembrou a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebrou nos anos noventa en Chantada onde presentara o seu premiado libro, O misterio dos fillos de Lúa.
Casalderrey levou aos asistentes polo cartel da Feira do Viño, obra de Lomarti e tamén os achegou á ribeira de Chantada e ao traballo diario de viticultores e adegueiros. Repasou poetas, novelistas, cineastas,… que homenaxeron ao viño: “Non esquezan que o viño naceu para ser degustado con moderación, nin que unha das posibles definicións da felicidade ben podería ser: degustar un viño de Chantada, en boa compaña, un doce, delicadísimo alalá que no corazón nos pon un merlo novo, que diría o poeta chairego".
Fina Casalderrey rematou o seu pregón cun brinde e asegurando que recomendaría o viño de Chantada: “Espallemos a sona dos nosos caldos galegos, sen complexos; pregoemos que están á altura de calquera outro viño, como o están a nosa lingua, a nosa literatura, a nosa cultura. Saúde e Boa Feira!”, concluíu.
Posteriomente, o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, entregou un acio de uvas á pregoeira como lembranza e a Lomarti, autor do cartel. O rexedor local agradeceu a asistencia das autoridades e, en especial, a participación de adegueiros e viticultores: “Agradecer aos homes e mulleres das nosas ribeiras que fan posible isto, aínda que a climatoloxía non acompañe e congregan cada ano a milleiros de persoas. A xente que acidiu este ano queda convidada para todas as Feiras do Viño de Chantada no futuro porque encher a carpa de xente con este frío ten moito mérito”. Manuel Lorenzo Varela rematou animando a seguir probando o viño novo, “fancédolle antes unha boa cama coa gastronomía de Chantada”.
As adegas participantes recibiron despois unha lembranza desta edición da Feira de mans das autoridades presentes e dos ciclistas, Álvaro Pino e Ezequiel Mosquera.
Premios aos mellores viños
Por outra banda, tamén se entregaron os premios aos mellores viños. Na cata popular, na que puntuaron os viños un cento de persoas, resultaron premiados como mellores tintos novos Cabo do Mundo Mencía 2023, Instinto Romano 2023 e Os Cipreses Mencía 2023.
Pola súa parte, na cata oficial premiáronse 12 viños como os mellor valorados polo panel de cata VIDE GRAN OURO (de entre 96 e 100 puntos). Así, o alcalde de Chantada entregou os recoñecementos a Calexotes Godello 2023, Condado de Sequeiras Mencía 2022 e Asolagados Barrica 2021.
Na outra categoría de VIDE DE OURO (de entre 90 e 95 puntos), o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez Carballo entregou os galardóns a Condado de Sequeiras Godello 2023, Os Cipreses Mencía 2023, Vía Romana Mencía 2022, Pero Bernal 2022 e Condado de Sequeiras Barrica 2017.
E, por último, na categoría de VIDE DE PRATA (de 84 e 89 puntos), o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González entregou os recoñecementos a Asolagados Rosado 2023, Asolagados Mencía 2023, Cubiche Mencía 2022 e Castrofiz Tradición 2021.