O IV Bioblitz Courel é a primeira das actividades polo 25 aniversario da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel
A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza unha serie de actividades enmarcadas no seu 25 aniversario para promocionar a riqueza etnográfica e ecolóxica deste territorio e que comezarán co IV Bioblitz Courel.
A entidade deseñou o proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ integrado por 11 subproxectos a través dos que transmitir a visión dun Courel con vida, dun Courel con futuro. Estes 11 subproxectos estrutúranse en oito actividades que teñen en común a valorización do territorio creando comunidade.
“Para elo programaranse un gran número de actuacións, algunhas xa consolidadas e outras para experimentar novas liñas de traballo, pero todas co fío condutor de xerar valor a partir do noso amosando o compromiso desta Asociación co futuro da Serra neste 25 aniversario da súa fundación”, explica o seu presidente Marcos Reinoso.
IV Bioblitz Courel
A primeira das actividades é o IV Bioblitz Courel, que vai ter lugar os días 10 e 11 de xuño na Estación Científica do Courel e está coordinada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio. Un bioblitz é unha prospección intensiva de biodiversidade nunha área determinada, na que participan tanto naturistas profesionais como afeccionados, asesorados por expertos de campo.
Neste proxecto, combínase unha experiencia de ciencia cidadá coa posta en valor de novos recursos do territorio e se plasma a ligazón entre a actividade agrogandeira e silvopastoral e a biodiversidade. Durante estas xornadas levarase un inventario biolóxico coa fin de obter o maior número de identificación e citas da flora, fauna e micobiota en varios espazos representativos deste territorio.
As inscricións poden facerse a través da web Custodia do Territorio ata o día 8 de xuño.
Outras actividades
Entre as propostas de cara a este ano, tamén haberá actuacións en rutas turísticas, a elaboración dun mural mediante a técnica do esgrafiado, o Filandón das rapatoxas, accións de voluntariado, a Festa da cantarela, así como talleres e rutas relacionadas cos produtos e oficios que existen aínda no Courel, como un sobre o procesado tradicional da lá.
Estas accións veranse completadas e recollidas nun documental conmemorativo dos 25 anos de actividade da asociación.
O proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ conta para a súa realización cunha subvención de 39.315,70 euros a través da sinatura dun convenio coa área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.
A Asociación
A día de hoxe a asociación conta con 70 socios cunha masa social diversa e transveral onde o 55% dos membros son mulleres.
Nela hai establecementos e empresas de actividades vinculadas ao turismo, así como outras que se dedican á produción agroalimentaria artesanal, pero tamén construtores, carpinteiros, ensinantes, gandeiras, médicas ou coidadoras, entre outros.
O obxectivo principal da asociación segue sendo o de contribuír a que Courel teña un futuro construído a partir dos seus valores humanos, ambientais e culturais.