18 establecementos do sur de Lugo beneficiáronse das achegas da Xunta para melloras da competitividade

RibeiraSacraXa
En total, na última convocatoria destináronse 155.000 para apoiar estas actuacións de mellora na comarca
arias-comercio-monforte
21 Jan 2026

A Xunta de Galicia destinou máis de 155.000 euros a apoiar actuacións de mellora da competitividade en 18 comercios da Zona Sur da provincia de Lugo, pertencentes ás comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga. Os fondos proceden das axudas concedidas en 2025 pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para impulsar iniciativas de dixitalización, modernización e sustentabilidade ambiental no sector comercial e artesanal.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, deu conta deste balance no transcurso dunha visita a varios establecementos beneficiarios, coincidindo coa apertura dunha nova convocatoria destas axudas, que conta cun orzamento próximo aos 4 millóns de euros. Segundo explicou, este programa permite financiar proxectos orientados á innovación, á mellora das instalacións e ao uso de solucións máis sostibles nos negocios locais.

Durante o percorrido, Arias coñeceu de primeira man as actuacións desenvolvidas en Monforte de Lemos por empresas como The Closet e Gourmet Gallego, dedicadas á venda de moda e alimentación, respectivamente. Neste concello concedéronse un total de trece axudas, ás que se suman dúas en Quiroga e unha en Chantada, Carballedo e O Saviñao.

As subvencións estrutúranse en tres liñas compatibles entre si, centradas na dixitalización e innovación comercial, na modernización das instalacións e na sustentabilidade ambiental, especialmente no uso de embalaxes. Entre as novidades da convocatoria actual inclúense a simplificación dos trámites administrativos e a axilización tanto da concesión como dos pagamentos anticipados, ademais da ampliación do período subvencionable para cubrir actuacións realizadas desde o peche da anterior orde, o 25 de outubro de 2025.

O delegado territorial salientou que estas axudas forman parte do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que recolle 74 accións específicas destinadas a reforzar un sector que considera clave para a economía galega.

⚙ Configurar cookies
0.075423955917358