17 Establecementos participarán no Mercado de Inverno o 19 e 20 deste mes
Esta fin de semana, os días 19 e 20 de marzo, no espazo dos Mercados da Praza de Abastos de Monforte, celebrarase unha nova edición da Feira de Oportunidades de Inverno, que está organizada polo Centro Comercial Urbano (CCU) en colaboración cos seus establecementos asociados, e que conta coa colaboración do Concello de Monforte.
Despois de dous anos de parón por culpa da pandemia da Covid-19, nesta edición de 2022 participarán 17 tendas de Monforte: profesionais do sector da moda, calzado, bebé, complementos, decoración, mercería …. que ofertarán aos asistentes grandes ofertas de fin de tempada, alcanzando nalgúns casos ata o 70% de desconto.
O horario contempla xornadas de mañá e tarde: o sábado 19 de marzo abrirá de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, mentres que o domingo 20 o horario será de 11.00 a 14.00 e 17.00 a 20.30 horas. A entrada será gratuíta.
As feiras de oportunidades presentan cada ano máis atractivos, e cada vez máis clientes atopan nestes certames interesantes compras. Monforte conta cun importante nó comercial, onde se centran as compras da comarca e arredores. Coa edición deste ano, búscase volver á situación previa á pandemia e recuperar un certame que conta con gran aceptación entre os monfortinos e as persoas que visitan a cidade, así como propiciar as ventas entre o comercio local.
“A gran afluencia de público das edicións anteriores, avalan a realización deste tipo de mercados de apoio ó comercio local e tamén serven de estímulo para que os clientes realicen as compras na súa localidade, e adquiran conciencia da importancia económica e social de mercar nas tendas de proximidade”, subliña José Tomé Roca, Alcalde da cidade.