150 escolares de Chantada formáronse na prevención do acoso escolar

O Auditorio Municipal de Chantada acolleu este mércores pola mañá unha charla formativa para a prevención do bullying. A actividade, organizada pola Concello de Chantada, encádrase no Plan Director de Convivencia Escolar e estaba destinada a nenos e nenas de entre 8 e 11 anos dos colexios Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo.
O encontro estivo guiado por Héctor Méndez, Garda Civil e psicólogo, formador do Plan Director, coa colaboración do Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Chantada que con financiación da UE, conta cun psicólogo e un educador social.
A concelleira de Educación, Belén Vázquez Caseiro, destacaría durante a presentación, “O obxectivo deste tipo de encontros é que os nenos e nenas poidan identificar estas situacións, se son acosados, acosadores ou cómplices. O ano pasado celebramos o día do acoso escolar cun acto similar, cremos que este tipo de propostas son fundamentais para poñer aos máis novos cos pés na terra sobre un tema que segundo os últimos datos afecta a 1 de cada 3 nenos e nenas”.
Na actualidade, os casos de acoso escolar danse principalmente entre cuarto e sexto de primaria. As orixes sempre son múltiples e están moi vencelladas á familia, “Os datos de convivencia familiar son cada vez peores debido ás reaccións de pais e nais. Cando chega a situación vemos que as familias das vítimas queren arranxar as cousas, as do acosador difícilmente mostran intención de solucionar a situación”.
Neste tipo de actividades formativas chámase a atención sobre a necesidade de fixarse en se algún neno ou nena o está pasando mal ante algo que lle fan ou naqueles compañeiros que quedan illados dos xogos e actividades.
Á hora de identificar os dous perfís, o de acosaderes ou acosadoras adoita ser máis complicado porque moitas veces utilizan unha careta e ofrecen distintas caras, como explica Méndez, pola contra a vítima ten comportamentos máis fáciles de apreciar, “Comeza a durmir mal, baixa as notas, está más illado, máis triste, fala menos, ect. Hai que valorar que estes cambios de comportamento non sexan outras cousas, pero poderían deberse a unha situación de acoso escolar. Por exemplo, o principal motivo polo que un neno se autolesiona é o acoso escolar, aí hai claramente un sufrimento extremo”.
No acoso escolar hai sempre un trasfondo familiar con múltiples causas, “As familias desestruturadas teñen o perfil máis alto de vítimas, eses nenos e nenas que teñen unha situación complicada son máis vítimas de acoso escolar. Mentres que a figura do acosador adoita ser de familia estruturada, cunha falta de límites na educación que está recibindo”, asegura Héctor Méndez.