15 candidaturas forman en Monforte unha confederación de cara ás Eleccións Municipais de 2027

Un total de 15 candidaturas de toda Galicia acordaron en Monforte impulsar un proceso de confederación de proxectos locais de cara ás eleccións de 2027. Fixérono esta fin de semana, lanzando o manifesto “Agora Galicia”, aberto a cambios e incorporacións, coa vontade de sumar máis proxectos locais e escoller un grupo de coordinación.
A confederación está integrada por Esperta Monforte, Por Chantada, Agroma Sober IGV, Courel Vivo, IGV A Ulloa, IGV Vilardevós, Ourense Mellor, Xuntxs por Laza, Xuntxs por Chandrexa, IGV Macizo Central, Manifesto Miñor, Por Vir Campolameiro, Somos Ribadumia, San Sadurniño Vivo e Move Neda.
As agrupacións presentes insistiron na necesidade de tecer rede entre os proxectos municipalistas de base, para apoiarse no traballo local que, sinalan “moitas veces, se topa cun caciquismo asentado”. Así, acordaron avanzar nunha confederación de asembleas locais para apoio mutuo a nivel de traballo municipal e asistencia xurídica.
De cara as Eleccións Municipais de 2027, as candidaturas asistentes decidiron avanzar nunha fórmula electoral de coalición que permita o mantemento das marcas locais consolidadas e, ao tempo, a suma dos votos de cara a escolla de deputados e deputadas provinciais. As candidaturas asinantes cren que “é posible aumentar a pluralidade política e a transparencia nas catro deputacións, podendo deste modo, levar alí as problemáticas que sofren os nosos concellos no día a día e son da súa competencia”.
Deste xeito, tamén, destacan, presentarse unidas permite visualizar a suma total dos votos a estes proxectos que, en conxunto, representan a cuarta forza política de Galicia.
Caracteriza aos proxectos locais presentes o “combate frontal contra o caciquismo e a parálise institucional e a participación no asociacionismo de base, sendo, fundamentalmente, veciñanza que quere un futuro xusto para os seus Concellos”, explican. Con este paso que avanza na coordinación a nivel galego, “mantense a soberanía das localidades no seu ámbito de actuación e búscase apoio mutuo e suma de forzas, no espírito das Irmandades que, precisamente, se xuntaron en Monforte hai máis dun século”.
Indican as candidaturas presentes que “este é un chamado á cooperación dos proxectos de base e aos movementos da cidadanía para, desde os concellos, construír unha ferramenta plural ao servizo do país, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego é posible un cambio de rumbo en Galicia aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras e para mobilizar abstencionistas, xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e a convencer votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños sen dogmatismos nin hipotecas”. Destacan que teñen “as xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro coas forzas políticas e sociais”.
As candidaturas presentes aproveitaron para amosar o rexeitamento tanto ao proxecto de Altri na Ulloa como á macro ponte sobre o Cabe que quere impulsar o Concello de Monforte e que, denuncian, destruirá o Malecón.