14 voluntarios traballarán no Camiño do Ferradal de Quiroga ata finais de xullo

RibeiraSacraXa
O Campo de Voluntariado centrarase nesta ruta, co obxectivo de recuperan un ben patrimonial, como é a Pena Furada
campo-voluntariado-Quiroga
19 Xul 2024

O Campo de Voluntariado organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia en Quiroga xa deu comezo.

O concelleiro de Xuventude, Luís Manuel Arias González, acompañou a monitora do campamento para ensinarlle a ruta na que van traballar. En total, son 14 os voluntarios que traballarán ata o vindeiro 26 de xullo no Camiño do Ferradal.

Nesta ocasión, o Campo de Voluntariado centrarase nesta ruta, co obxectivo de recuperan un ben patrimonial, como é a Pena Furada, un túnel escavado polos romanos para conducir auga a varias minas de ouro, moi presentes na zona.

Os traballos centraranse no desbroce e limpeza por medio de ferramentas adecuadas para crear unha ruta de acceso a Pena Furada, limpeza e sinalización do entorno, etc.

Este é o segundo ano no que o campo de Voluntariado traballa no Camiño do Ferradal, polo que nesta ocasión ten marcado o obxectivo de poñer en valor as actuacións levadas a cabo en Pena Furada no campo de voluntariado do 2023, mediante o acondicionamento da nova ruta para chegar ata alí.

O pasado ano os voluntarios encargáronse de facer rozas, limpeza e sinalización e a creación dunha ruta con escalinatas que dan acceso ao enclave de Pena Furada.

Outro dos obxectivos deste campo de voluntarios é facer un estudo das rutas do concello vinculadas co Camiño de Santiago, e realizar unha dixitalización para conseguir unha maior promoción delas.

0.19281506538391