14 participantes percorreron as rúas de Monforte pola tradicional festa dos Maios

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte de Lemos celebrou unha nova edición do tradicional Concurso dos Maios, que se concentraron na praza de España, logo de percorrer diversas rúas da cidade.
Os Maios Monforte
9 Maio 2024

O Concello de Monforte de Lemos celebrou unha nova edición do tradicional Concurso dos Maios, que se concentraron na praza de España, logo de percorrer diversas rúas da cidade.

Recibidos polo alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, foron finalmente 14 os participantes que aportaron as súas obras nesta tradicional festa, na que non faltou tampouco o canto de coplas, actuando, nesta ocasión, unha persoa particular, Matilda Somoza González e catro colexios, Ferroviario, Ceip A Gándara, Ceip Monforte e IES Río Cabe, polo que se pode apreciar un aumento considerable da participación con respecto a anos anteriores.

Destinouse un orzamento total de 750 euros en premios e tal e como afirma Tomé, “o obxectivo era animar á participación, e logo de contar con 14 inscritos, podemos dicir que o obxectivo que nos marcamos, foi acadado con éxito”.

O aumento de participantes neste ano, e a calidade dos mallos presentados a concurso, motivaron a decisión do Alcalde de modificar as previsións iniciais premiando a todos os concursantes coa cantidade de 75 euros e aumentar, polo tanto, o orzamento que estaba previsto pasando de 750 euros a 1.050 euros.

O rexedor destacou no descurso de presentación do acto, a calidade dos maios que participaban e animou ós presentes e tamén ós que este ano non puideron acudir a esta cita, a que sigan participando nas próximas edicións para manter viva esta tradición que conmemora a entrada da primavera porque tal e como sinalou Tomé “non só o patrimonio histórico-artístico, nos fai singulares; hai outro patrimonio, o inmaterial, as nosas tradicións, que tamén forman parte da nosa riqueza cultural e que é moi importante conservar”.

Concursantes

Os 14 concursantes nos Maios 2022 de Monforte foron: O Ceip Monforte, Colexio Ferroviario, Ceip A Gándara, Matilda Somoza González, Centro De Día De Monforte De Lemos, Domusvi Monforte, Asociación Agora, Área Diurna Terapéutica, María González De Isusi, Francisco Javier Fernández Salazar, Asociación Agora, Área Ocupacional, Cristina Blanco Rajo, Ma Montserrat Rodríguez Fernández, IES Río Cabe.

Mentres, os participantes no Canto das Coplas foron o Colexio Ferroviario, Ceip A Gándaramatilda Somoza González, Ceip Monforte e o IES Río Cabe.

Os aboamentos dos premios serán tramitados polo Concello de Monforte de Lemos, a través dunha transferencia bancaria. Previamente será necesario a presentación do certificado bancario cun número da conta do titular. Non poderá realizarse o pagamento do premio mentres o beneficiario non se atope ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa seguridade social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

0.13632607460022