12 grupos monfortinos participan no IV Ciclo de Concertos de Grupos de Monforte

Monforte celebra esta semana a 4ª edición do Ciclo de Concertos de Grupos de Monforte, un ciclo organizado polo Concello e que, tal e como explica o alcalde, José Tomé Roca, foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022.
Tomé salienta que “dado o éxito acadado, volvemos a incluílo na nosa programación de verán de 2025, apostando decididamente por darlle protagonismo á actuación de grupos monfortinos. Tan é así o éxito acadado, que se constituíron nestes tempos novos grupos de músicos locais”.
O ciclo, explica, é “unha aposta decidida do Concello por dar visibilidad e poñer en valor ós nosos grupos musicais, que ademais contarán cunha boa produción para que as súas composicións soen coa calidade profesional que merecen”.
Os escenarios desta edición, na que participan 12 grupos monfortinos, son a Praza da Compañía, a Praza da Estación e a Praza de España. O ciclo comezou o pasado luns, 18 de agosto, coas actuacións dos grupos Cero2Cero e Malenne, que actuaron na Praza da Compañía. Onte martes 19 de agosto actuaron Cool Flanders e Dinosaurios na Praza de España, completando a xornada con gran acollida do público.
Durante a xornada do mércores 20 de agosto, os asistentes poderán disfrutar das actuacións de El Mundo de Sofía Band e Segunda Parte na Praza da Estación, ás 22:30 e 00:00 horas, respectivamente. Xa o luns 1 de setembro será a quenda de Deloreans e Los Jinetes del Trópico na Praza da Compañía, mentres que o martes 2 de setembro actuarán Nectarine Soul e Deuce na Praza da Estación. O ciclo pecharase o mércores 3 de setembro coas actuacións de Galga Blues Band na Praza de España e Bella Chaos na Praza da Estación.
Este ciclo de concertos é “unha aposta firme do Concello de Monforte polos grupos monfortinos, para dar a coñecer a súa creatividade e as súas propostas en diferentes estilos musicais tanto ós nosos veciños como ás persoas que nos visitan”, sinala o Alcalde. “En definitiva, o noso obxectivo é poñer en valor ós grupos musicais da cidade, incluíndoos no Programa do Verán Cultural, e dándolles así o recoñecemento que merecen”.