Younous Omarjee visitou varios concellos da Ribeira Sacra para falar do despoboamento, entre outros temas
A eurodeputada Ana Miranda sostivo que “Lugo Sur tamén é Europa, pero non está nas mesmas condicións que o resto de Europa, e por iso criamos que era importante que vira no terreo a situación demográfica, a situación de despoboamento”.
O presidente da Comisión de Política Rexional da Eurocámara, Younous Omarjee, continuou a axenda programada polo BNG no Parlamento Europeo na Ribeira Sacra, onde visitou o conxunto de adegas tradicionais de Vilachá xunto a eurodeputada Ana Miranda, a responsable comarcal de Lugo-Sur, Rosana Prieto, o alcalde da Pobra de Brollón, Xosé Luis Maceda, e o tenente de alcalde de Quiroga, Xosé Manuel Fernández.
Algúns dos temas que trataron durante esta xornada foron a dificultade no acceso a fondos europeos e a discriminación tanto no reparto destes fondos como respecto ás infraestruturas, así como o problema do despoboamento e a emigración.
Ana Miranda sostivo que “Lugo Sur tamén é Europa, pero non está nas mesmas condicións que o resto de Europa, e por iso criamos que era importante que vira no terreo a situación demográfica, a situación de despoboamento”, manifestou a eurodeputada nacionalista, quen salientou que desde Bruxelas o BNG “seguiremos demandando que os concellos de menos de 2.000 habitantes teñan acceso aos fondos europeos e que teñan acceso en igualdade”.
Pola súa banda, Younous Omarjee destacou que é a primeira vez que un presidente dunha Comisión do Parlamento Europeo visita Galicia, percorrendo diversas comarcas, co fin de coñecer de primeira man os problemas dun territorio que presenta problemas de discriminación e de xestión dos fondos de cohesión. Ao respecto sinalou que en moitos sentidos, pódese falar de algunhas comarcas galegas como “a periferia dentro da periferia”.
“Non veño aquí para dicir que ben o fai a Comisión Europea, senón para ver por que non se reciben os fondos europeos”, salientou Omarjee, quen asegurou que as discriminacións que sofre Galicia non parten da Unión Europea, xa que o acceso aos fondos é decidido en virtude duns criterios obxectivos. Segundo sinalou, o problema radica en se o reparto dos fondos é equitativo ou non.
Por outro lado, destacou a importancia de defender a riqueza cultural e lingüística da Unión Europea, en referencia a loita en Bruxelas polo recoñecemento das linguas oficiais como o galego.
Parada en Taboada
Younous Omarjee foi recibido polos membros do BNG na ribeira de Taboada, para amosar e reivindicar as posibilidades do sector primario. Esta visita de estudo e traballo "representa unha oportunidade política de grande importancia para Taboada, nomeadamente para o noso sector vitivinícola", indicou o tenente de alcalde de Taboada, Xosé Portela.
Xunto co responsable municipal de Medio Rural, Manuel Diéguez, trasladáronlle ao representante do Parlamento Europeo a realidade dos cultivos tradicionais, as dificultades dos mesmos, “a rotura da transmisión xeracional nos traballos do sector primario” e a preocupación que desde o local “temos co problema demográfico que afecta a toda Galiza, pero en especial ao interior do país”.
Ademais, o encontro serviu de plataforma para o diálogo e a cooperación entre o ámbito local e o europeo, fortalecendo lazos interinstitucionais que fomentarán unha maior colaboración en áreas de mutuo interese.
No ámbito municipal, e tendo en conta a importancia dos fondos europeos, supuxo unha ocasión política estratéxica para a identificación de oportunidades de financiamento e no traslado das necesidades locais de cara ao futuro, de cara a procurar solucións conxuntas a medio e longo prazo que redunden nun impacto positivo no ámbito económico e social do municipio, e en especial no noso medio rural.
A reunión serviu para un reforzo das relacións interinstitucionais, e da capacidade de influencia mediante o fortalecemento das relacións coa comisión do Parlamento, encargada da política de cohesión e das relacións coas autoridades locais, e tamén para facer unha avaliación do impacto das políticas públicas, e facer seguimento do traballo lexislativo do Parlamento Europeo en materia de política local.
Analizaron tamén as oportunidades de financiamento de xestión directa desde o Concello, como as convocatorias a programas dos programas europeos para a restauración de muras, e promoción do turismo vitícola sustentable na ribeira de Taboada, máis alá dos proxectos que xa contan con fondos estruturais. Pola súa banda o eurodeputado amosou a súa sorpresa e o seu agradecemento pola beleza da ribeira taboadesa e o valor e “deber de conservación que temos con este legado paisaxístico e cultural de valor incalculable”.