Xunta e sindicatos acordan constituír unha mesa de traballo para apoiar a zona da Ribeira Sacra
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte; acompañado polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e o da PAC e o Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; mantiveron unha reunión con representantes dos sindicatos Unións Agrarias e Asociación Agraria Galega para abordar a situación que atravesa a Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Nela, acordaron constituír unha mesa de traballo e de colaboración mutua para apoiar esta zona de produción vitivinícola, que se enmarca dentro do espazo de diálogo aberto con todos os axentes do sector, incluídos o Consello Regulador e as adegas.
Neste sentido, Martín Alemparte destacou que se realizarán mesas de traballo cos axentes implicados para “analizar conxuntamente a situación actual da DO Ribeira Sacra” ante a actual crise de excedentes pola caída do consumo de tintos.
Lembrou tamén as medidas que se avanzaron no Consello do pasado 2 de setembro, con axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, dotadas con 2 millóns de euros; e as destinadas para a destilación de crise aprobada para esta DO, que contarán cun investimento de 500.000 euros de fondos propios para a xestión do excedente de viño.
Estas medidas complétanse con outras dirixidas ao sector vitivinícola no seu conxunto, como a ampliación da formación e da divulgación das axudas da PAC, en concreto o ecorrexime de cultivo leñoso en terreos con pendente, ou as achegas do Igape para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén recalcou que estas mesas de traballo estudarán a planificación estratéxica que precisa a DO Ribeira Sacra “para abordar os retos de futuro ante un contexto internacional de descenso de consumo de viño tinto e de acumulación de excedentes”. Neste sentido, avogou por tomar decisións conxuntas a curto e medio prazo que permitan mitigar o impacto da uva non recollida nos viticultores.