Xa está aberto o prazo de inscrición para as Escolas Municipais de Música e Danza de Monforte

RibeiraSacraXa
O curso comezará o 16 de setembro
instrumentos-pandeiretas
9 Sep 2025

O Concello de Monforte ten aberto o período de matrícula nas Escolas Municipais de Música e Danza para o curso 2025-2026. As clases darán comezo o 16 de setembro e prolongaranse ata o 12 de xuño do próximo ano.

A Escola Municipal de Música ofrece formación a partir dos seis anos en disciplinas que van desde a percusión moderna e tradicional galega ata instrumentos como violín, guitarra, gaita, clarinete, frauta, saxofón, trompa, trompeta, trombón de varas, tuba ou bombardino, ademais de teclado, canto coral e canto tradicional con pandeireta. Tamén se impartirán clases de linguaxe musical.

Na Escola Municipal de Danza, con acceso desde os cinco anos, impártense danza tradicional galega, ballet clásico e danza contemporánea ou moderna. As clases están plantexadas cunha metodoloxía académica que reforza a técnica e a expresión, e prevese orientación cara unha formación de carácter profesional cando as aptitudes e a vocación do alumnado así o aconsellen.

Desde o Concello destacan que esta programación busca consolidar unha oferta “ampla e variada” que permita dar resposta ao interese da cidadanía pola música e pola danza.

⚙ Configurar cookies
0.17034006118774