Visita as escavacións arqueolóxicas de Proendos, en Sober
O Concello de Sober, organiza hoxe martes 27 de setembro unha visita guiada ás escavacións arqueolóxicas no hórreo romano de Proendos.
O encontro que se realiza contando coa colaboración da Xunta e de Tempos Arqueólogos, será ás 18:00 horas na igrexa e para acudir non é necesaria inscrición previa senón que a visita será aberta a todo o público.
A escavación no xacemento de Proendos sacou á luz recentemente un hórreo romano único en toda a comunidade. Uns achados que non fan máis que confirmar a importancia que xa tiña Sober na época romana.
OUTROS VESTIXIOS
Os últimos traballos impulsados neste xacemento tiveron lugar no ano 2019 e xa constataron a existencia dun hipocausto, unha estancia que os romanos adoitaban construír baixo o chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulase o aire quente. Tamén se localizou unha ábsida circular, un elemento arquitectónico de orixe romano presente tanto en edificios relixiosos como seculares e un hipotético hórreo romano.
A estas aportacións súmanselle os numerosos materiais ou os restos das estruturas das edificacións, que xa foron localizadas a un nivel moi superficial nas primeiras xornadas de traballo, ou a aparición dun mosaico romano que non se conserva íntegro pero do que si apareceron varios fragmentos reducidos.
Fai falla lembrar que a prospección xeofísica levada a cabo polo concello de Sober no ano 2019 xa permitira constatar a existencia de, polo menos, un complexo de hipocaustos de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas dunha habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así coma o hipotético sistema de condución de augas xa mencionado.