Ultiman os traballos de reparación na Ponte de Xunqueira de Espadanedo
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá as obras de reconstrución do estribo danado na ponte de Xunqueira de Espadanedo, na estrada OU-536.
Manuel Pardo supervisou os traballos que se están a desenvolver na ponte, polo procedemento de emerxencia, para proceder á súa reconstrución, logo de que o pasado día 26 de febreiro caese parte dun dos seus estribos coa ponte pechada ao tráfico.
Os traballos que se levan a cabo consisten na reconstrución do apoio da ponte dispoñendo un recheo de pedra nos primeiros metros e cun ancho suficiente nos muros de sillería que permitan garantir a súa resistencia. Os traballos véronse condicionados pola necesidade de garantir a estabilidade da ponte, e pola decisión de manter a tipoloxía da ponte, en pedra, polo que foi necesario un importante subministro de cantería de pedra para poder executar a obra. Neste sentido, non foi posible utilizar os sillares da parte derrubada por ter sufrido danos e non contar coa suficiente resistencia.
A ponte foi construída no século XIX e as avaliacións técnicas realizadas sobre o estado actual do estribo, formado por dous muros de contención de sillerías laterais, evidencian que foi executado sen dispoñer a anchura necesaria na súa parte inferior para garantir a capacidade de resistencia e cun recheo insuficiente e de mala calidade, o que propiciou que se derrubase na súa parte superior.
Para paliar a deficiente execución do recheo do estribo, o departamento de Infraestruturas da Xunta levou a cabo a reconstrución cun recheo adecuado no que os primeiros metros fosen de pedra e cunha sección adecuada nos muros de sillería.
A infraestrutura estaba sendo monitorizada nos últimos meses, desde que se detectaron problemas, para avaliar o seu comportamento e garantir a seguridade viaria.
Ese control de monitorización que estaban a realizar os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas implicou o control en 3D da ponte, con puntos “diana” para detectar movementos de modo inmediato, que foi o que permitiu actuar coa previsión suficiente e restrinxir totalmente o tráfico antes do fallo estrutural.
Cómpre lembrar que a Xunta vén desenvolvendo un programa de inspección de pontes e obras de paso nas estradas autonómicas co que se realizan controis periódicos sobre estas infraestruturas para intervir nelas de modo áxil, se é necesario, e garantir un bo estado de conservación.