Trece parroquias de Chantada participan nunha nova edición do programa Actívate no Rural

O Concello de Chantada puxo en marcha unha nova edición do programa Actívate no Rural, unha iniciativa promovida pola concellaría de Servizos Sociais que achega actividades físicas ás parroquias do municipio. Nesta ocasión, xa confirmaron a súa participación 13 parroquias (Nogueira, Sabadelle, Merlán, Requeixo, Argozón, Muradelle, Laxe, Brigos, Veiga, Mariz, Santa Cruz de Viana, San Cristovo e Arcos), onde monitores das Escolas Deportivas Municipais impartirán sesións de ximnasia dúas veces por semana.
De momento temos hai máis de 200 persoas inscritas nestas 13 parroquias “pero esperamos que se sumen máis e ampliar a oferta de actividades para seguir promovendo o benestar físico e mental das nosas veciñas e veciños. Con estas actividades favorécese a participación social e redúcese a soidade non desexada ao crear alternativas de lecer con outras persoas”, explicou o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, quen destacou que todas as propostas son de carácter gratuíto.
Paralelamente, na vila do Asma tamén se organizan cursos pensados para persoas maiores, que se desenvolverán no Edificio Multiusos. As clases de pintura ao óleo comezarán o 17 de setembro e terán lugar os mércores, mentres que as de pintura en tea iniciaranse o 19 de setembro e impartiranse os venres, ambas en horario de 16:30 a 19:30 horas. Ademais, está previsto que en outubro se incorpore unha nova actividade de encaixe de bolillos, atendendo á demanda veciñal.
As persoas interesadas en participar tanto nos cursos como no programa de actividade física poden inscribirse nos servizos sociais do Concello en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas.