Traballadores do Sergas fórmanse para comunicarse coas persoas xordas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Convocaron un curso en liña a través da plataforma ACIS
lenguaje-signos-viveiro
22 sep 2024

Coñecer a diversidade do colectivo de persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva e interiorizar unhas pautas básicas para comunicarse mellor con elas é o obxectivo do curso en liña que este ano a Consellería de Sanidade incluíu na oferta formativa para o seu persoal dispoñible a través da plataforma virtual do ACIS.

No curso, que puntúa no baremo do Sergas e realízase en modalidade de autoformación con 4 horas de duración, rexistráronse xa máis de 15.000 persoas, unha cifra que desde a federación consideran moi positiva e que aínda continuará aumentando, xa que o curso estará aberto ata final de ano. “Aínda que se trata dunha formación breve, resulta esencial como punto de partida para favorecer unha comunicación adecuada e empática do persoal sanitario cando se dirixen a unha persoa xorda, xa sexa como paciente ou acompañante” manifestan desde a FAXPG. Do mesmo xeito, agradecen o compromiso e interese de todas as persoas participantes e sinalan que a alta participación “pon en evidencia a necesidade e desexo por ambas as partes de derrubar as barreiras de comunicación”.

Ademais de incluír conceptos básicos sobre a discapacidade auditiva e as persoas xordas, os contidos da formación tamén profundan no funcionamento das novas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles para a comunicación con persoas xordas, como é a videointerpretación en lingua de signos, que desde o pasado mes de abril está en funcionamento as 24 horas para a atención nas urxencias dos hospitais e PACs de toda Galicia.

Xunto á implantación da videointerpretación en urxencias e a formación a profesionais, no marco destas medidas postas en marcha desde a Consellería de Sanidade coa colaboración da FAXPG, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia e a Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), realizáronse tamén guías e materiais de difusión para informar tanto o persoal sanitario como ás persoas xordas.

0.18073797225952