Tomé lidera a lista ao congreso federal do PSOE
O secretario xeral chama á unidade dos socialistas dende Lugo: “É momento de fortalecer o proxecto colectivo a carón do presidente do goberno, non de despistarnos en individualidades nin outras claves”.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou Lugo e, en compañía do presidente da Deputación e a secretaria provincial, José Tomé e Patricia Otero, aproveitou para facer un chamamento á unidade e á integración de cara ao Congreso federal do PSOE. “Non é o momento de ningunha individualidade, estamos unidos no substancial e non podemos aparentar divisións artificiais”, remarcou.
Tal e como fixo en Pontevedra, Caballero viaxou ata Lugo para defender a integración do partido nunha candidatura encabezada polo presidente provincial, presidente da Deputación e alcalde de Monforte, José Tomé. “É o momento de fortalecer ao socialismo a carón do presidente do goberno, non é o momento de despistarnos nin en individualismos nin en ningunha outra clave”, apostilou o líder do PSdeG.
Caballero sinalou que a configuración de listas de unidade e integración que plantexa a dirección política “é a mellor vía para construír o mellor socialismo e respaldar a Pedro Sánchez”. Por iso, chamou a todo o partido a ter “responsabilidade política” e a estar “á altura da situación complexa” que está vivindo o goberno na loita contra a pandemia, marcada ademais pola “deslealdade amosada pola dereita e a ultradereita”.
Neste punto, referiu que “ninguén dubida hoxe que Pedro Sánchez foi o líder capaz de reactivar o partido e volver conectalo coa maioría”, polo que fixo fincapé en que “agora é o momento da unidade e da integración, e de respaldar todos xuntos o proxecto federal” que encabeza Pedro Sánchez.
De feito, Gonzalo Caballero lembrou que hai catro anos el mesmo impulsou “con convicción, vocación e dedicación” a candidatura liderada por Pedro Sánchez xunto con “moitos militantes” como os propios José Tomé e Patricia Otero, ou o alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, que fora o cabeza de delegación na candidatura lucense de apoio a Pedro Sánchez no anterior Congreso. “Marcamos un novo tempo que foi moi importante e agora todos apoiamos a Pedro, polo que non hai divisións”, engadiu.
UNHA LISTA QUE REPRESENTA TODO LUGO
O presidente provincial do partido, José Tomé, confirmou o acordo coa secretaria provincial para encabezar a candidatura coa “vontade de que sexa unha candidatura que represente ao conxunto da provincia”.
A candidatura estará integrada por “12 compañeiros e compañeiras” nunha lista “cremalleira” xunto con “outros compañeiros que irán como invitados” en representación dunha provincia que “apoiou a Pedro dende o primeiro momento”, tal e como destacou o tamén presidente da Deputación lucense.
Pola súa banda, Patricia Otero ratificou que “estamos a traballar, como non pode ser doutro xeito, nesa lista de unidade” integrada por “6 homes e 6 mulleres que podem representar á provincia, sendo conscientes de que moitos máis compañeiros e compañeiras poderían ir a Valencia a darlle ese pulo” a Pedro Sánchez.
Neste punto, a deputada socialista explicou que “presentaremos unha lista representativa" para conformar “unha candidatura de unidade e de consenso”.
PROTOCOLO ANTICOVID
reclamou a Feijóo, “agora que volve das vacacións”, que “aprobe de forma inmediata” un protocolo de medidas anticovid “pactado coa hostalería” e un plan de axudas para a mesma.
En concreto, o líder do PSdeG requiriu a Feijóo “que o faga inmediatamente, non botando responsabilidades nin demonizando ao sector” e que “despregue un conxunto de axudas para que a hostalería poida seguir adiante e adaptarse aos novos protocolos”.
De feito, incidiu en que “ou Feijóo pon ao conselleiro de Sanidade a resolver os problemas que creou e marca un protocolo de medidas anticovid consensuado co sector ou terá que tomar medidas contundendes que cometeu tantos erros neste verán como o certificado covid”. Cargou así contra a xestión “dun conselleiro de Sanidade que nin funciona á hora de fortalecer á atención primaria nin á hora de marcar medidas con seguridade xurídica na desescalada”.
Deste xeito, Gonzalo Caballero lembrou o varapau do TSXG contra o pasaporte covid, que foi declarado ilegal logo de que a Xunta o impuxera sen pedir autorización xudicial e traspasando os límites permitidos pola lexislación e, segundo o tribunal, “demonizando” ao sector.
Canto ao necesario acordo co sector, Caballero criticou o retraso en sacalo adiante. “A Xunta reuniuse coa hostalería, pero os hostaleiros saen desconfiados destas xuntanzas”, remarcou, ao tempo que indicou que, aínda que se agardaba ese pacto para esta mesma semana, “agora dinlles que terán que saír ao longo deste mes”. “Non pode ser”, sentenciou.
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG explicou que “hai capacidade na Xunta para tomar medidas económicas de apoio” que sirvan “para que a hostalería poida sobrevivir e adoptar as medidas de seguridade necesarias para facer fronte aos retos de futuro”.