Tomé destaca a colaboración institucional para levar a cabo a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou este xoves a colaboración institucional que permitiu obter financiamento para levar a cabo o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura de Monforte, con actuacións tanto na envolvente externa como no interior e na iluminación, alcanzando un orzamento de 150.000 euros. O alcalde explicou que esta colaboración foi posible grazas ao investimento a través dos Fondos Europeos FEDER, que achegan o 58,51%, a Xunta de Galicia, que contribúe co 19,50%, e o propio Concello de Monforte, que financia o 21,99%, equivalente a 32.976,56 euros.
As declaracións de José Tomé producíronse durante a visita institucional ao Concello de Monforte realizada polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo Pouso. Antes de percorrer a Casa da Cultura, ambos os mandatarios visitaron a Casa Consistorial, onde o conselleiro asinou no Libro de Ouro do Concello e mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde para analizar futuras colaboracións entre ambas as administracións co obxectivo de desenvolver proxectos que melloren a calidade de vida da cidadanía de Monforte.
O pasado luns 10 de febreiro, o alcalde anunciou a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, un proxecto que permitirá reducir o consumo de enerxía e as emisións de CO₂, diminuír os custos de mantemento e mellorar o benestar e o confort dos traballadores e usuarios do edificio. Para acadar estes obxectivos levaranse a cabo diversas actuacións, entre elas a renovación da envolvente térmica coa substitución da carpintaría exterior na fachada principal mediante a instalación de novas fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica, oscilobatentes, con peche perimetral e dobre acristalamento con vidro baixo emisivo e de seguridade nos puntos necesarios, o que permitirá mellorar notablemente as prestacións térmicas do edificio, reducindo a entrada de calor e frío do exterior e aumentando o confort de quen o utiliza.
Tamén se levará a cabo unha renovación integral do sistema de calefacción e climatización coa instalación dunha bomba de calor de alta eficiencia, que permitirá dispor de calefacción no inverno e refrixeración no verán, acadando un consumo enerxético reducido e minimizando as emisións de CO₂. Ademais, substituirase completamente o sistema de iluminación do edificio coa instalación de novas luminarias LED de alta eficiencia enerxética tanto para iluminación normal como de emerxencia, mellorando o rendemento lumínico e reducindo os custos de mantemento, xa que estas luminarias teñen unha vida útil superior a 50.000 horas, moi por riba das lámpadas fluorescentes actuais. A intervención abranguerá unha superficie total de 1.130,25 m².
O proxecto conta cun orzamento de 150.000 euros, IVE incluído, e hoxe mesmo publicarase o anuncio de licitación na Plataforma de Contratos do Sector Público. O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o sábado 8 de marzo de 2025 e as mesas de contratación para a apertura dos sobres administrativos e técnicos celebraranse o luns 10 de marzo ás 8:45 h, mentres que a mesa para a apertura da oferta económica terá lugar o mércores 17 de marzo á mesma hora.
Os criterios de adxudicación establecidos son a memoria técnica, cun peso de 40 puntos, o prezo, que contará con 30 puntos, a redución do prazo de execución, con ata 15 puntos, a ampliación do prazo de garantía, que sumará ata 10 puntos, e as melloras propostas, que achegarán un máximo de 5 puntos.
Unha vez adxudicada a obra e asinada a acta de replanteo, o prazo de execución previsto será de seis meses.