Todo preparado para a celebración da IX Feira Guímara da Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
Á noite, a partir das 21.00 horas, terá lugar os concertos cos grupos Fanfarria Taquikardia e Radio Océano
Feira-Guímara-2023-(8)
3 Xul 2024

A Feira Guímara conmemora por noveno ano a revolta dos habitantes da Pobra do Brollón contra o Conde de Lemos, cunha completa programación dende o mediodía ata a noite do sábado 6 de xullo. O evento desenvólvese no campo, onde antigamente tiñan lugar as feiras da Pobra, ao carón do río Rubín.

A xornada arranca ás 12.00 horas copregón a cargo de Carlos Rodríguez Dacal, autor do libro Árbores simbólicas pobrenses. Seguidamente, terá lugar a tradicional representación da revolta guímara a cargo da veciñanza, para despois dar paso ao vermú animado pola agrupación Airiños da Mioteira.

Para a hora de xantar instalaranse mesas de uso libre baixo a sombra das árbores. Este ano non haberá opción de polbo, pero poderase comprar comida nos postos da feira ou encargar aos restaurantes ou fornos locais. Haberá música de novo a cargo de Airiños da Mioteira para animar a sobremesa.

A programación continúa despois do xantar cun concurso de xogos populares de ra, tira-soga e chave con categorías infantil e adultos. As persoas interesadas en participar nos distintos xogos poden anotarse previamente o propio día da feira.

Á noite, a partir das 21.00 horas, empezarán os concertos cos grupos Fanfarria Taquikardia e Radio Océano. Tras máis dunha década de percorrido, a Fanfarria Taquikardia é unha verdadeira referencia da festa galega. Ofrece unha viaxe sonora polas músicas do centro e leste de Europa, máis sen perder a referencia galega, sempre nun ambiente extremo festeiro.

A banda de punk rock Radio Océano que encheu os escenarios de rabia e enerxía a finais dos 80, rexurdiu cando a pandemia coa mesma potencia musical e as mesmas letras acedas e cheas de ironía. Na Feira Guímara tocarán temas do seu último disco, Un furioso silencio, e revisitarán clásicos, acompañados dalgúns convidados sorpresa.

A artesanía tamén terá un espazo na Feira Guímara. Participarán doce postos de produtos artesáns de todo tipo, e a maiores, un posto de serigrafía de camisetas.

Ademais, na novena edición da Feira Guímara haberá premios para os mellores estandartes, con varias categorías, individuais e colectivos, infantís e adultos. A idea é que estean relacionados con lendas guímaras ou con calquera momento da historia da Pobra do Brollón. Para participar é preciso inscribirse o mesmo día da feira. Os estandartes gañadores anunciaranse sobre as 21.00 horas, antes do comezo dos concertos.

0.17587304115295