Monforte prepárase para unha nova edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
Será do 4 ao 6 de xullo no Paseo do Malecón e contará coa participación de 30 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra
Festival-do-Viño-da-Ribeira-Sacra-Monforte
Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2024
30 Jun 2025

Monforte de Lemos prepárase para celebrar a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que terá lugar esta fin de semana, do 4 ao 6 de xullo, no Paseo do Malecón, e que contará cun extenso programa de actividades.

O Festival contará este ano coa participación de 30 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que ofrecerán unha mostra de viños de todas as subzonas do territorio. As adegas participantes son: A Man de Prado, Aba Solleira, Abadía da Cova, Adega Vella, Albaredos-Hobbs, Algueira, Alma das Donas, Alouviño, Asolagados, Cividade, Condado de Sequeiras, Corzoás, Cruceiro, Don Bernardino, EDV, Finca Cuarta, Finca Míllara, Galanteiro, Guímaro, Gullufre, Lucenza, Malcavada, Ohmio, Petrón, Peza do Rei, Proencia, Regina Viarum, Tear, Tolo do Xisto e Viña Vella.

Ademais da zona de viños, haberá unha zona gastronómica con 12 participantes, que ofrecerán queixos, embutidos, pan, produtos da zona e racións preparadas por restaurantes locais. Entre eles figuran Queixo Negro Buleri, Lácteos Ribeira Sacra, Embutidos Valentina, Tres Fuciños Porco Celta, Xamóns D. Francisco, Xamóns Roberto, Xeados Xeou, Panadaría Fernández, Panadaría La Luna, Restaurante Bocalino, Restaurante Manuel Bistró e Cervexería-Tapería O Toxo.

O cartel desta edición está inspirado no proceso completo do viño, desde o cultivo ata a súa degustación, con elementos que representan a conexión coa terra e a tradición vitivinícola da Ribeira Sacra.

O deseño dos stands mantén a liña de anos anteriores, con madeira en tons naturais, detalles en violetas e granates, e incorpóranse elementos contemporáneos como xardíns verticais e teas microperforadas. Haberá unha zona de sombreado para maior comodidade e tótems informativos co programa de actividades, ademais de wifi gratuíto en todo o recinto.

Unha das novidades deste ano é a incorporación de tokens personalizados como forma de pago, substituíndo os selos habituais. Tamén se mellora a Sala de Catas, que amplía o seu aforo e delimita o seu espazo para ofrecer obradoiros e masterclass.

O Festival contará con actuacións musicais os días 4 e 5 de xullo. O venres abrirá coa actuación do Grupo Searas, seguido da intervención institucional e o pregón a cargo de José Luis Iravedra, presidente da Asociación Cultural e Gastronómica “O Tizón”. Ás 23:00 horas actuará a cantante Lucía Pérez. O sábado 5 de xullo, ás 23:00 h., será a quenda de A Banda da Loba.

En canto ás actividades, ofreceranse obradoiros de cata de viños e unha masterclass. O sábado pola mañá haberá unha cata de “Castes singulares da Ribeira Sacra” e o domingo, unha cata sensorial que une viño e música. Tamén se celebrará unha masterclass titulada “Na procura das viñas centenarias da Ribeira Sacra”.

O Festival inclúe programación infantil con contacontos, pintacaras, obradoiro de olería e teatro de papel, e mantén as Vinorutas polo Sil e o Miño, que permitirán aos visitantes coñecer viñedos e adegas da zona.

Desde o Concello informan de que, con motivo da montaxe dos stands e escenarios, durante toda a semana haberá cortes de tráfico no Paseo do Malecón.

⚙ Configurar cookies
0.17024493217468