Temes e Celaguantes acollen unha xornada veciñal sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Ambas parroquias celebrarán este domingo unha xornada que marcará o punto de partida para estreitar a relación entre técnicos e veciños, dando inicio á segunda fase do proceso participativo sobre a candidatura
igrexa-de-temes
Igrexa de Temes
4 Nov 2025

As parroquias de Temes (Carballedo) e Celaguantes (A Peroxa) acollerán este domingo 9 de novembro unha actividade comunitaria que marca o inicio da segunda fase do proceso participativo ligado á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. A xornada busca reforzar a conexión entre comunidades veciñas de distintas provincias, un dos valores que defende o proxecto.

O encontro, aberto a toda a cidadanía, está promovido co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura, Lingua e Xuventude. Comezará ás 10:00 horas na igrexa de Temes, onde se ofrecerá unha visita guiada que incluirá unha explicación sobre o sartego paleocristián que conserva o templo.

Logo, os asistentes percorrerán a pé os tres quilómetros que separan Temes de Celaguantes, onde continuarán a visita cunha charla ilustrada sobre a historia e o patrimonio de ambas parroquias. A actividade estará guiada polo arqueólogo Carlos Vázquez, da empresa Tempos, autor dun recente estudo histórico sobre a zona.

A xornada concluirá cunha sesión vermú amenizada polo grupo Os Ministreles, á que se anima a levar instrumentos para participar, e un xantar veciñal con caldo e castañas asadas. Recoméndase aos asistentes levar cunca e culler.

Esta iniciativa naceu no proceso participativo iniciado xa en 2024, no que os veciños de Celaguantes se organizaron por primeira vez como asociación e comezaron a colaborar coa comunidade de Temes. Segundo os organizadores, a xornada pretende servir como punto de partida para estreitar a relación entre técnicos e veciños e avanzar cara un novo proxecto patrimonial común previsto para 2026.

⚙ Configurar cookies
0.068521022796631