Taboada celebra este mércores a súa Queima das Fachas

RibeiraSacraXa
O concello de Taboada celebra este mércores a súa Queima das Fachas, na noite 7 ao 8 de setembro marcando o inicio das festas patronais
queima fachas taboada portada
5 sep 2022

A festa da Queima das Fachas de Castelo, no municipio de Taboada, celébrase na noite do 7 ao 8 de setembro marcando o inicio das festas patronais da parroquia dedicadas a Santa María.

A queima ten lugar no castro de Castelo, onde se celebra dende hai máis de dous mil anos. Trátase dunha tradición celta da que non se ten constancia escrita pero si se coñece que se mantivo en época romana, ata o punto de que sobreviviu ata os nosos días.

SIMBOLOXÍA

A Queima das Fachas, festa declarada de Interese Turístico de Galicia en outubro de 2008, encerra en si toda a simboloxía druída: utiliza o lume para queimar as fachas e o círculo e a planicie (sobre o castro de Castelo dispóñense en círculo as Fachas). A función da queima é o que non está tan claro. Podería utilizarse como medio de comunicación cos pobos de arredor, para dar aos habitantes do castro a posibilidade de ver pola noite cando celebraban algún tipo de reunión ou festa ou ben como ritual máxico-relixioso. O que si se sabe é que este rito mantense inalterable dende hai milenios.

Hoxe, asistir á Queima das Fachas é unha viaxe á nosa cultura máis ancestral, é un contacto íntimo dun co infinito dende o círculo de lume, é vivir a sensación de que se está no mundo dende hai milleiros de anos e de que non é a primeira vez que asistimos ao círculo de lume, é permitirnos soñar e purificarnos, é oír como se queiman as fachas e só ver lume e estrelas, mentres o castro divísase dende tódolos pobos de arredor.

Veciños de Castelo e centos de visitantes chegados dende fora reúnense no castro para asistir ao acendido de cada unha das fachas. En canto se crea o círculo de lume, comeza a sonar a música tradicional galega e aumenta a expectación da xente por ver cal será a facha que máis tarde se apague.

PREPARATIVOS

A xornada do día 7 é un día de intensa actividade para os veciños de Castelo. As Fachas están preparadas nas casas dende hai días e chega o momento de subilas ao castro e colocalas. O castro, unha fabulosa planicie nun alto, vai recibindo as distintas fachas para as que se fai un burato no chan, entérrase a base e coa axuda de varias persoas e suficiente habilidade, levántase a facha e asegúrase na terra, así unha tras outra, ata que toda a circunferencia do castro está rodeada de fachas. Alí permanecerán coa luz de media tarde, esperando a que chegue a noite para prendelas.

AS FACHAS

Que e unha facha? Tradicionalmente este tipo de estruturas ás que despois se lles prende lume recibe o nome de fachós, pero en Castelo utilízase dende sempre a palabra en feminino, fachas. As fachas son estruturas que poden acadar os 8 ou 9 metros de altura feitas de madeira e agucios.

Utilízase como base un tronco delgado (pero consistente) e recto e sobre el vanse enlazando arbustos de arredor dun metro con talo liso e recto. Os agucios recóllense en xullo e agosto, déixanse secar e despois móntanse arredor do tronco en sentido vertical, ensamblándose uns con outros, de maneira que só se vexan os extremos nas partes inferior e superior da facha.

Elaborar a facha correctamente ten a súa recompensa na noite da festa. Xa que esa noite, os ollos dos asistentes buscarán a máis alta e resistente que será con toda probabilidade a que máis tarde en consumirse e por tanto, a mellor da noite.

queima fachas taboada
0.17972087860107