Taboada celebra este luns a Cabalgata dos Reis cun xesto solidario da iniciativa RevÉLAte

RibeiraSacraXa
A comitiva partirá ás 17 horas cara ao Cuartel Vello e contará con chocolatada, agasallos e un donativo infantil a favor da sensibilización sobre a ELA
cabalgata reis taboada
5 Jan 2026

O Concello de Taboada celebrará este luns a tradicional Cabalgata dos Reis Magos, unha cita moi agardada polas familias que dará comezo ás 17 horas e terá como destino o Cuartel Vello, onde as nenas e nenos poderán acompañar ás Súas Maxestades de Oriente para entregar as súas cartas. A xornada completarase cunha chocolatada e reparto de agasallos para todos os asistentes, nun ambiente festivo pensado especialmente para a infancia.

Nesta edición, a Cabalgata contará ademais cun compoñente solidario grazas á doazón dun lote de agasallos infantís que se incorporarán ao reparto previsto. Trátase dun donativo realizado pola veciña Tatiana Badiola a través da iniciativa RevÉLAte, un proxecto de concienciación social nacido da experiencia directa coa esclerose lateral amiotrófica.

RevÉLAte ten como obxectivo dar visibilidade a unha realidade aínda pouco coñecida, romper o silencio que rodea a ELA e abrir espazos de reflexión, apoio e acompañamento. A iniciativa promove accións de solidariedade, comunicación consciente e colaboracións con entidades locais, poñendo o foco nas persoas que conviven coa enfermidade e na súa contorna, sempre desde a dignidade e a presenza.

Desde o Concello de Taboada agradeceron este xesto solidario e expresaron a súa disposición a colaborar con RevÉLAte, destacando a importancia de iniciativas que buscan informar, concienciar e lembrar que detrás de cada diagnóstico hai vidas, familias e unha necesidade real de apoio e comprensión.

⚙ Configurar cookies
0.078723907470703