Taboada acolle o evento Raizames, o primeiro Encontro da Cultura do Viño para poñer en valor este elemento da Ribeira Sacra
A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (ACIMTA), organiza o primeiro Encontro da Cultura do Viño baixo o nome de Raizames co propósito de poñer en valor o importante legado da cultura do viño da Ribeira Sacra os vindeiros 9, 10 e 11 de xuño en Taboada.
Raizames "é unha proposta diferenciadora dentro do contexto das festas e feiras do viño, achegando un modelo que procura a responsabilidade co contorno, no que prima a calidade sobre a cantidade, que fuxe de aglomeracións ou impactos desmedidos, que se materializa baixo unha diversificada programación cultural: faladoiros, paneis de experiencias, videoforums, roteiro, encontro de adegas da zona, encontro de mulleres do sector, viños contados por voces expertas e numerosas intervencións artísticas", explican desde a organización do evento.
Así, para esta iniciativa establécese unha liña de comunicación e colaboración co tecido social e cultural da contorna; con persoas ou asociacións veciñais e parroquiais que están desenvolvendo iniciativas de preservación, coidado e difusión do patrimonio, que colocan a mirada sobre a especificidade do territorio e a paisaxe, e que contribúen a desenvolver posibilidades e novas maneiras de habitar un rural vivo, participativo e en benestar.
A programación está dirixida a todo tipo de públicos e constitúe Taboada como epicentro de confluencia entre habitantes e foráneos, entre profesionais do sector do viño e aficionados, entre a mocidade e a xente vella, entre produtores e consumidores.
Programa de Raizames
Raizames, que será a celebración da cultura do viño, contará con miradas artísticas, lúdicas, formativas e ata etnográficas, ao longo das diferentes accións programadas: a música, a danza, a poesía, ou a narración oral entrelazadas coas catas, as visitas a viñas ou adegas.
Desde a organización defenden que é un programa en feminino, con especial atención en contar con artistas, axentes locais, técnicas, sumilleres, enólogas, viticultoras e docentes, mulleres. Búscase a mirada femenina, a perspectiva equilibrada sobre a realidade e posibilidades da Ribeira Sacra, sen sesgos.
O Encontro desenvolverase en diferentes puntos do concello de Taboada, sendo a Praza de Riazón o punto de encontro central. Así, haberá encontros na Casa da Cultura, un roteiro polas parroquias de ribeira, accións no Pazo de San Pedro de Bembibre. E, en concreto, a Praza de Riazón concentrará o Espazo Viño, con tres sesións temáticas e especializadas, dúas o sábado e unha o domingo; onde poder degustar bos viños, contados por voces expertas.
"Raizames preséntase como unha folla en branco, sobre a que se escribe por vez primeira en formato Encontro a riqueza lingüística, a tradición oral, o legado histórico, os saberes específicos da Ribeira, as maneiras de celebrar, os sentires identitarios da comunidade. Unha chamada dende ACIMTA que busca ilustrar novos camiños, responsables, sostibles, de carácter eminentemente rural, co obxectivo de dinamizar o territorio e divulgar os valores excepcionais da Ribeira Sacra", explican.