Taboada acolle mañá a presentación do libro Unha cunca de caldo quente, de Xosé Lois García
A Casa Cuartel Vello de Taboada situada na avenida de Lugo, acolle mañá día 11 ás 20.00 horas a presentación do libro de teatro Unha cunca de caldo quente, da autoría de Xosé Lois García.
No acto, que estará aberto ó público ata completar aforo, o autor estará acompañado polo musicólogo Alfonso Campos, e o presidente da asociación cultural O Marrao Enxebre, Manuel Diéguez Vázquez.
Así mesmo, contarase con acompañamento musical a cargo do grupo Os Parentes.
A obra
Unha cunca de caldo quente é o nome que recibe esta obra de teatro que se pode interpretar literalmente, falando dunha literatura que privilexia as clases populares, imaxinando unha cunca de sopa na cociña de Maruxa xunto á súa acollida; ou ben se pode interpretar metaforicamente.
Unha cunca de caldo quente nas nosas vidas busca os nosos sentimentos e esperta en todos e todas a sensibilidade para entender que as debilidades humanas poden estar directamente relacionadas coa formación a idades temperás, porque hai un forte desaxuste dos máis pobres no acceso ás necesidades básicas.
O contexto dos protagonistas está formado por un pai alcohólico, unha nai ou unha filla vítima dunha agresión sexual, un prato baleiro, unha explotación do traballador, un neno sen escola, un familia sen traballo, analfabeta e sen dignidade e que todo iso é o motivo das desigualdades sociais que cada vez se acentúan máis dentro dos países, sobre todo dos máis pobres.
Unha cunca de caldo quente suxire o espertar da sociedade á loita, á conciencia de clase, para que se constrúa con máis poder económico no seu conxunto, que loitemos para que a educación non sexa excluínte e elitista, que todos teñan dereito ás necesidades básicas de supervivencia e lecer. Que a sociedade deixe de subscribirse ós ideais burgueses solidificados, ó saber que a familia é a responsable do benestar dos individuos en formación, e se isto falla, será a principal culpable de inadaptar aos individuos.
O autor
Xosé Lois García (nado en Lugo no ano 1945) criouse na parroquia de Merlán (Chantada) e emigrou ós vinte anos a Barcelona, onde traballou como metalúrxico e noutras faenas laborais. Fixo estudos de Socioloxía no Institut de Cièncias Socials i d'Estudis Polítics de Barcelona que abandonou para licenciarse en Filosofía e Letras (especialidade de Historia Contemporánea), na Universidade de Barcelona. Exerceu de profesor. Foi fundador e director do Arquivo Histórico Municipal e responsábel de Patrimonio Histórico e Cultural do concello de Sant Andreu de la Barca (Barcelona), alí traballou ata a súa xubilación. Nesta localidade recoñeceron a súa labor converténdoo en fillo adoptivo da mesma.
A súa obra multiplícase en moitas frontes: animador da cultura galega en Cataluña, conferenciante, articulista, crítico literario e de arte, especialista en literatura de expresión portuguesa en África, Brasil, Cuba, Arxentina ou Paraguai. É autor de antoloxías poéticas de Portugal, Galiza, Mozambique, Angola, Guié-Bissau, Timor, Brasil, São Tome e Príncipe.
As súas publicacións sobre literatura e historia están recollidas en numerosas publicacións por todo o mundo. Os seus máis de cen libros sobre diversas temáticas abranguen dende narrativa, ensaio, teatro, literatura infantil... ata temas históricos e etnolóxicos. Conta con máis de trinta poemarios.
Activista social de base, loita pola recuperación do patrimonio románico na Ribeira Sacra. Fundador da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada (Aarcc) tamén é autor de diversos estudos sobre a "Simboloxía do románico" en Amarante (Portugal), Pantón, Sober, Chantada, O Saviñao, Penafiel (Portugal), Paradela, Portomarín e A Ulloa.