Sober presenta o programa completo das Festas do Carme 2025

O Concello de Sober deu a coñecer o cartel das Festas do Carme, que se van celebrar na localidade do 19 ao 22 de setembro. O alcalde, Luis Fernández Guitián, destacou a “ampla e variada oferta” de actividades e actuacións pensadas para compracer a todos os públicos.
O venres 19 celebrarase o II Torneo de Catán ás 20:00 horas e, a partir das 22:00 horas, haberá actuación da Oca Band con Pepo Suevos e o espectáculo Historia da Verbena.
O sábado 20 actuará o grupo Érbedo antes da misa solemne das 13:00 horas. Ás 19:30 horas terá lugar o Gran reto dos Bolechas, seguido do concerto de Los Coleguitas ás 21:30 horas e da actuación de Roi Casal na Praza do Concello ás 23:00 horas.
O domingo 21, a Banda de Música de Sober acompañará a procesión e ofrecerá un concerto-vermú, mentres que a misa solemne estará cantada polo Coro Berea. Ás 17:00 horas xogarase o partido de fútbol Trofeo Festas do Carme entre o Sober e o Palas, e ás 21:00 horas pechará a xornada a Orquestra Olympus.
O luns 22 a celebración concluirá cunha misa na Igrexa Nova ás 12:30 horas e, xa pola tarde, coa tradicional paellada xigante e gratuíta elaborada polo mestre cociñeiro José Arias, acompañada pola música do dúo Estrellas.