Sober celebra o 24 de maio a XXIII Festa das Avoas e dos Avós

O Concello de Sober organizará o vindeiro 24 de maio unha nova edición da tradicional Festa das Avoas e dos Avós, que chega este ano á súa vixésimo terceira edición. A celebración terá lugar no pavillón do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme a partir das 13.30 horas e incluirá unha misa, un xantar popular, actuacións musicais e un sorteo de agasallos entre as persoas asistentes.
O menú estará composto por empanada, polbo, carne asada, rosca de Millán e queixo, ademais de cafés e bebidas. O prezo será de 10 euros para persoas empadroadas no municipio e de 20 euros para as non empadroadas.
As persoas interesadas en participar deberán confirmar a súa asistencia antes do 22 de maio a través dos teléfonos 982 460 001 ou 982 460 513. O Concello de Sober habilitará tamén un servizo de transporte para facilitar o desprazamento das persoas que o necesiten.
Esta cita anual constitúe unha oportunidade para render homenaxe aos maiores da localidade e promover unha xornada de encontro e convivencia interxeracional.