Rueda reúnese co alcalde de Sober para avanzar en novas vías de colaboración

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, para abordar distintos proxectos de interese para o municipio e avaliar vías de colaboración entre ambas administracións.
Tras o encontro, ambos mandatarios coincidiron en subliñar a importancia da colaboración do Goberno galego cos concellos, especialmente cos máis pequenos, achegando financiamento para obras e dotacións que lles permitan prestar servizos públicos de calidade e que contribúan ao benestar dos veciños e veciñas.
O rexedor aproveitou a ocasión para convidar ao xefe do Executivo galego a asistir á XLVI Feira do Viño de Amandi, que se celebrará o vindeiro mes de marzo e que servirá para seguir impulsando a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.