O tráfico ferroviario entre Ourense e Monforte restablecerase o vindeiro 26 de novembro

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Os traballos de modernización das vías comezaron o 21 de novembro de 2022
vias-tren-ourense-monforte
Vías de tren Ourense-Monforte
13 Nov 2024

A conexión Ourense-Monforte de Lemos recupera o tráfico ferroviario despois de dous anos, tal e como vén de anunciar Renfe a través dun comunicado aos usuarios no que sinala que “restablécense os servizos sen realizar trasbordos por estrada a partir do 26 de novembro”.

Os traballos de modernización das vías comezaron o 21 de novembro de 2022 e tiñan previsto rematar en xullo do ano pasado, pero as complicacións do terreo retrasaron en varias ocasións a súa reapertura.

Polo momento, recupérase a normalidade no Alvia entre Vigo e Barcelona e A Coruña e Barcelona, no AVANT entre Ourense e A Coruña e no tren de Media Distancia entre León e Vigo, que xa non Terán que facer o trasbordo en autobús.

Probas en todo o tramo

Adif realiza probas no renovado tramo de ferrocarril convencional Ourense-Monforte de Lemos (46 km), que implicaron circulacións co seu tren-laboratorio BT, mentres avanza para completar a modernización integral de toda a liña ata Lugo, aumentando así a súa fiabilidade e capacidade.

As circulacións do tren-laboratorio verificaron a fiabilidade e o posicionamento dos equipos que conforman a nova electrificación do tramo, mediante traballos de auscultación xeométrica da catenaria (cable tendido sobre as vías do que os trens toman a enerxía para circular) e o resto dos seus elementos.

Para a súa realización, Adif conta cos seus BT, trens-laboratorio provistos de instrumentación, equipos e sistemas (hardware e software), e profesionais para avaliar a fiabilidade da infraestrutura.

A estas primeiras probas seguirán outras para validar o resto dos sistemas novos, e de maiores prestacións, despregados na liña, como a sinalización, equipos concretos de electrificación (o telemando, que permite a súa xestión en remoto e tempo real) ou a vía.

Deste xeito, Adif acomete as preceptivas probas previas á reanudación da circulación por este tramo, mentres avanza para completar os traballos da súa renovación integral, que supuxeron o despregue dunha nova vía (coa substitución de todos os elementos que a compoñen: balasto, travesas, raíl e desvíos), a adecuación da súa electrificación e o montaxe de novos equipos de sinalización e telecomunicacións, entre outras actuacións.

En paralelo, traballa tamén para concluír a renovación do outro tramo da liña, o Monforte de Lemos-Lugo (71 km), no que, ademais de renovar a vía, electrificouse e dotouse de novos sistemas de telecomunicacións e sinalización.

Liña renovada que conecta coa alta velocidade

Deste xeito, Adif completa a ambiciosa renovación integral da Ourense-Monforte de Lemos-Lugo (117 km) para reforzar a fiabilidade e capacidade de circulación da liña que conecta coa alta velocidade en Ourense, ademais de renovar e ampliar estacións como as de Monforte e Lugo. Tamén se adaptaron os gálibos das súas pontes e túneles da liña, entre outras actuacións.

Adif está superando un desafío técnico nestes traballos, dada a difícil orografía da zona: á complexidade técnica dalgunhas actuacións súmase o difícil acceso ás zonas onde se executaban. Por iso, non foi posible compatibilizar os traballos co mantemento da circulación, aínda que a empresa ferroviaria mantivo un servizo alternativo de transporte por estrada para garantir a mobilidade.

Esta actuación contribúe aos ODS 9 (fomento de infraestruturas fiables, sostibles e de calidade), 7 (sostibilidade) e 8 (crecemento económico e xeración de emprego).

Financiamento europeo

As actuacións de renovación de vía, adecuación de electrificación e mellora de instalacións de sinalización e telecomunicacións do tramo Ourense-Monforte de Lemos contan con financiamento europeo a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

 

0.19047904014587