Renfe forma profesionais en Monforte para integralos no Centro de Competencias Dixitais
Comezou en Monforte a formación dalgúns dos profesionais que se integrarán no persoal do novo Centro de Competencias Dixitais (CCD) de Monforte de Lemos especializado en Ciberseguridade.
O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, e o director xeral de LogiRAIL, Óscar Gómez Barbeiro, reuníronse con 10 mozos aos que un equipo de formadores está xa capacitando para que poidan integrar o persoal do futuro novo centro en Galicia.
Tomé explicoulles a importancia que ten este proxecto para a cidade e declaraba que "é un orgullo recuperar a imaxe de Renfe de hai anos nos que era considerado en Monforte case como o Naval en Ferrol. Despois dunha etapa de decadencia na que se suprimían servizos, vemos con orgullo e optimismo a creación deste novo proxecto, que resultará útil non só para Renfe senón tamén para outras empresas", explicou.
Pola súa banda Óscar Gómez manifestou "sentirse emocionado por brindar a posibilidade de progreso a uns mozos cunha perspectiva profesional limitada que poden agora progresar na súa formación e na súa cidade".
Colaboración con outras institucións
Renfe puxo en marcha convenios para colaborar con institutos locais, como o IES A Pinguela e o IES Francisco Daviña Rey, ambos de Monforte, achegando ambos unha porcentaxe dos perfís seleccionados.
Tamén se estableceron contactos cos Campus das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, nas súas sedes de Ourense e Lugo, respectivamente, o CPI de Formación Profesional A Farixa, o IES Politécnico de Lugo ou o IES Monterroso, entre outros. Pioneiro en Europa, o futuro CCD en Galicia, no que Renfe investirá preto de 1 millón de euros para a súa creación, terá como obxectivo detectar, analizar e corrixir incidentes de seguridade, utilizando as solucións tecnolóxicas máis avanzadas da industria.
Adicionalmente, este Centro de Operacións de Seguridade poderá constituír a base da creación e desenvolvemento dun Clúster Empresarial de Ciberseguridade aplicada ao sector ferroviario.
Trátase de fomentar o emprego cualificado, con especial atención ao primeiro emprego novo e ao impulso do talento feminino, nun sector en continua expansión.
Formación
Os alumnos recibirán formación en fundamentos básicos de Ciberseguridade e Administración orientada á seguridade de sistemas operativos e redes e aprenderán conceptos necesarios sobre Seguridade, Gobernanza, Risco, Cumprimento e Resposta a incidentes.
Ademais, serán adestrados en conceptos de Computación na nube, baseados nos diferentes modelos estandarizados, aprendendo a achegar solucións de Ciberseguridade os seus principais servizos en remoto, incluíndo redes, computación e almacenamento.
Os formadores deste curso, cunha duración de 126 horas, están certificados e teñen experiencia con resultados acreditados.
Así, o de Monforte de Lemos será un SOC ferroviario especializado en IT (Information Technology)+OT (Operational Technology)+IoT (Internet of things) e estará formado por un equipo altamente capacitado e certificado en ciberseguridade, de entre 35-40 profesionais (no período 2023-2025).
A súa creación forma parte do Plan de Deslocalización de Recursos do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, concibido como motor de medidas para mellorar a competitividade, o desenvolvemento de novas actividades económicas, o aproveitamento de recursos locais e o talento asociado á contorna.
Renfe investirá case un millón de euros en poñer en marcha este novo centro en Monforte, proxecto que se enmarca no Plan Estratéxico da compañía. Esta iniciativa inclúese, ademais, dentro da Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico para a deslocalización de actividades, para combater o despoboamento.