Rematados os traballos de renovación no Paseo Fluvial de Chantada e no Parque Eloísa Rivadulla
Hai un mes botaba a andar a IX edición do obradoiro dual de emprego Serra do Faro, que promove o concello de Chantada en colaboración cos concellos de Carballedo e Taboada. Unha vintena de persoas reciben formación durante 9 meses nos módulos de Atención Sociosanitaria, Xardinería e Albanelería, comezando en Chantada por este último, que centra a súa actividade en dous frontes: o Paseo Fluvial e o Parque Eloísa Rivadulla.
No Paseo Fluvial decidiuse intervir nos dous miradoiros que hai entre a ponte nova e o campo de fútbol do Sangoñedo. Estas instalacións, feitas en madeira, deterioráronse co paso do tempo e agora actuarase nelas dende o obradoiro de emprego. “Temos un paseo fluvial magnífico que necesita melloras co paso do tempo e, co obradoiro, realizarase unha intervención importante colocando formigón desactivado no pavimento e instalando ramplas de acceso para mellorar a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida. Instalarase tamén novo mobiliario máis acorde coa nova estética”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela. Os traballos nestes miradoiros completaranse co lixado e pintado das varandas, reposición dos embelecedores de madeira das varandas, novos bancos, papeleiras, etc.
Pola súa banda, no Parque Eloísa Rivadulla, na anterior edición do obradoiro acondicionáronse os baños públicos, fíxose unha zona pavimentada no parque e mellorouse o axardinamento. Para rematar con todas estas melloras e deixar o Parque Eloísa Rivadulla renovado ao 100%, nesta IX edición acondicionaranse os accesos aos diferentes locais municipais, xa que o pavimento estaba deteriorado.
Nesta semana comezarase tamén a traballar na parte alta do parque, entre a zona verde e a beirarrúa, metendo o saneamento para recoller as augas pluviais. Crearase unha plataforma única con chan de formigón entre a beirarrúa e o espazo polo que circulan os vehículos de servizos, dándolle un acabado máis moderno a ese espazo.