Regreso ao verde tralas vacacións

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os equipos da provincia proseguen coa Liga despois do descanso de dúas semanas do Nadal co obxectivo de manterse na categoría e algúns deles coa mirada posta no ascenso O Nadal trouxo para todas as categorías do fútbol un merecido descanso de practicamente dúas semanas para acometer a segunda quenda da Liga, que se retomou para a maior parte deles na primeira semana de xaneiro.
celebracion gol cd lugo
6 Xan 2024

Os equipos da provincia proseguen coa Liga despois do descanso de dúas semanas do Nadal co obxectivo de manterse na categoría e algúns deles coa mirada posta no ascenso

O Nadal trouxo para todas as categorías do fútbol un merecido descanso de practicamente dúas semanas para acometer a segunda quenda da Liga, que se retomou para a maior parte deles na primeira semana de xaneiro.

Moitos dos equipos da provincia fixeron os seus deberes antes da pausa de decembro e acometen esta segunda fase con moitas esperanzas de lograr un ascenso de categoría ou mesmo a permanencia noutros casos.

Pero o tempo de descanso de Nadal trouxo moitas sorpresas tamén. O primeiro equipo da provincia, o CD Lugo, anunciou tralo último partido, a destitución do seu adestrador, Pedro Munitis, que foi substituído polo portugués Paulo Alves, técnico cunha notable traxectoria no mundo do fútbol do máis alto nivel.

O CD Lugo foi o primeiro en volver pisar o verde, o día 2 de xaneiro, coa visita do Celta Fortune, o líder do grupo, no Anxo Carro. Situado entre os dez primeiros, o albivermello contempla como unha posibilidade clara a permanencia na categoría, á que descendeu no pasado curso, facendo valer os resultados ata o de agora, entre os que figuran un gran número de empates.

Unha situación moi similar está a vivir o Vilalbés de Simón Lamas, situado tamén no top ten da Segunda Federación, categoría na que está a facer o seu labor e na que os empates xogaron un importante papel de cara a manterse na parte alta. Os vilalbeses recibiron ao Pontevedra no reinicio da competición e no partido que marcou a fin da primeira volta. Os resultados, moi parecidos aos do Lugo en número de vitorias e derrotas, ofrecen unha visión de respecto ao adestrador, Simón Lamas, un home de club.

Tamén volveron ao verde os equipos de Terceira Federación da provincia de Lugo, os tres na zona morna dunha táboa na que case non hai distancias. O mellor situado é a Sarriana, que ten a promoción a menos de dez puntos aínda que con moitos equipos por diante a escasas distancias. En peor situación están o Viveiro e o Polvorín. Os dous teñen un pé xa na categoría inferior. De feito, o filial do Lugo, que tamén cambiou de adestrador, non logra saír dunha dolorosa quenda de derrotas.

Na categoría inferior, o CD Castro e o Ribadeo FC sobreviven no medio da táboa nunha categoría na que as distancias son tamén poucas agás co líder, o Noia, que saca xa unha cómoda vantaxe. Os mariñaos e os chairegos, que tiveron un percorrido moi diferente, teñen poucas opcións de poñerse nalgún dos dous únicos postos de promoción, pero si de manterse para o ano que vén.
Estao pasando peor o Club Lemos, que sobrevive preto da zona de descenso facendo valer os empates, xa que é o equipo que máis ten dentro da categoría. Xusto por debaixo está o CD As Pontes, club coruñés moi vinculado á Terra Chá, que xa o ano pasado logrou manterse en Preferente por pouco e que este non logra mellorar posición.

Tempada para esquecer é a do Residencia, que non logra saír do pozo do descenso, lonxe polo tanto da sétima posición na que rematou a pasada campaña.

FÚTBOL PROVINCIAL

Nas categorías inferiores, o Pol vai camiño do ascenso a Preferente, logo de varios intentos nas tempadas anteriores. Aínda non fixo máis que gañar e mantén unha ampla vantaxe cos seus perseguidores, que en primeira liña están Escairón e Chantada Atlético. As malas noticias son para o Portomarín, Milagrosa e Guitiriz, situados na zona vermella.
Na Segunda Galicia, o Pastoricense lidera o grupo Norte, seguido de preto por Vilalbés B, Iberia, San Ciprián e Folgueiro, que ocupan polo momento os postos de promoción. Non volverán á competición ata a segunda fin de semana de xaneiro debido á disputa da Copa Deputación na súa fase previa. Na parte baixa están Muimenta e Roupar.

No sur, o Oural é o que ten máis vantaxe para chegar ao ascenso directo logo dunha gran primeira parte de Liga. Ao asexo están Friol, Becerreá, Brollón e Antas. O descenso está agora definido para SD Chantada B e Spórting Lucense.

Na Terceira Galicia norte, o Barreiros está destacado na carreira polo ascenso, co Casás, debutante este ano, ocupando o segundo banzo da táboa. As opcións de play off son para Goiriz, Rioaveso, Castroverde e Piringalla.

No sur, os ascensos directos están no Páramo e en Rubián mentres que os postos de play off ocúpanos Sober, Río Sil, Santa Comba e O Corgo.

LIGAS FEMININAS

Esta fin de semana de Reis retomouse a competición feminina, na que PM Friol e Lugo compiten na Terceira Federación, como principais representantes da provincia. As primeiras ocupan unha cómoda sexta praza mentres o Lugo intentar sobrevivir. Custoulle moito ao equipo albivermello recuperarse dunha estrea desastrosa na categoría. Pola súa banda as friolesas están a demostrar un gran estado de forma malia a polémica coa súa adestradora, que segue a sacar resultados positivos deste pioneiro equipo, que estivo de aniversario.

Non foi unha boa tempada pola contra para os equipos da provincia nas competicións galegas. O PM Friol B intenta saír do fondo da táboa de Primeira, onde caeu logo dunha mala xeira que foi superada puntuando nos últimos catro partidos antes do descanso.
En Segunda, sorte desigual. O San Roque está en postos de ascenso e o Antas nunha zona cómoda da táboa mentres Milagrosa e Chantada pechan as súas respectivas listaxes cun pé na Terceira.

A última competición feminina conta cun Lugo B liderando a clasificación cun pé xa no ascenso mentres Monte Forte e San Lázaro están situados ás portas da promoción. Na zona media loita o Carballedo e na parte baixa a Comercial.

LIGAS DE BASE

Para os equipos xuvenís de competición nacional, a situación púxose complicada esta tempada. Tanto o CD Lugo de División de Honra como o de Liga Nacional están na zona vermella e necesitan remontar o antes posible para salvar a categoría. Esta mesma situación atravesa o Lugo infantil de División de Honra, mentres que o cadete está na zona alta logo dunha gran primeira fase.

Na xuvenil galega o Vilalbés mantense en zona de promoción, mentres que o Viveiro afiánzase discretamente no medio. O Residencia está provisionalmente fóra de perigo pero na zona conflitiva e a debutante Sarriana non logra saír do pozo. Nos cadetes, o Lugo B e o Residencia quedan na zona media separados por tres puntos. Moi dispar tamén a situación na infantil, na que o Viveiro toca a zona de promoción mentres o Vilalbés e o Polvorín intentan saír do descenso.

Nos grupos do sur, o Calasancio mantense a tres puntos de entrar nos play off na xuvenil e cun pé na liga provincial da cadete, aínda sen estrear o bolso dos puntos.

Nos grupos femininos, o PM Friol cadete está na zona baixa, superado polo Milagrosa non moi lonxe. Pola contra, as milagrosistas do infantil están enganchadas á parte alta, a un paso da promoción.

Nas ligas provinciais, os equipos da zona norte da provincia teñen ao Milagrosa xuvenil moi destacado na loita polo ascenso á Galega. Na cadete, Lourenzá, EF Polvorín e San Roque están á cabeza dos seus grupos para entrar na loita pola categoría superior, e na infantil os privilexiados nos puntos son Lugo B, Residencia e Milagrosa.

Nos grupos ourensáns nos que compiten os clubs da zona sur da provincia, destaca a situación do Chantada xuvenil e do cadete, dentro das zonas de promoción respectivas e cun Monforte cadete ás portas. Na infantil é o Calasancio o líder, no claro camiño polo ascenso.

Ascenso SD Sarriana
vilalbes senior
covi regueiro pm friol
0.17907094955444