Raquel Arias salientou que 128 persoas da comarca de Lemos poden beneficiarse do servizo Xantar na Casa

RibeiraSacraXa
Gloria Prada sinala que o Concello de Monforte e os usuarios do mesmo aportan máis do 50 % dos ingresos que permiten o seu desenvolvemento
Raquel-Arias-Xantar-na-Casa-Xunta
15 Out 2024

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou que 128 persoas da comarca de Lemos poden beneficiarse do servizo Xantar na Casa, unha prestación financiada pola Xunta de Galicia, en colaboración cos concellos, que consiste na subministración de comidas no propio domicilio a persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio que puidera suplir tal situación.

Raquel Arias explicou que estas persoas reciben nos seus propios domicilios un menú para cada día, consistente nun primeiro prato, segundo prato e postre, que só terán que quentala antes de consumila. “Estamos a falar dun programa social, xa que non só reparte comida a domicilio, senón que ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida das persoas atendidas”, manifestou.

“Este programa ten como obxectivo principal garantir unha dieta saudable, adaptada e equilibrada ás necesidades específicas de cada usuario, principalmente maiores que viven sos”, indicou a portavoz popular. Ademais, apuntou que este servizo “deriva nunha serie de beneficios tanto para os que o utilizan como para as súas familias, xa que posibilita a permanencia dos usuarios nos seus fogares e facilita atención e coidados ás persoas que o precisen na súa propia contorna, evitando así o seu desarraigo e retardando posibles traslados a centros de atención”, concluíu.

CONTESTACIÓN DO CONCELLO DE MONFORTE

A tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, sinala que en relación á información difundida pola deputada do grupo popular, Raquel Arias, en relación co Programa Xantar na Casa, que o Concello de Monforte e os usuarios do mesmo aportan máis do 50 % dos ingresos que permiten o seu desenvolvemento, “polo que a señora deputada minte ó sinalar que é a Xunta quen financia este Programa en colaboración cos concellos, cando, neste caso é o Concello de Monforte xunto cos usuarios os que máis aportan para o desenvolvemento do mesmo”.

Deste xeito, a deputada popular obvia na súa comunicación que, sen as aportacións do Concello e dos usuarios, non sería posible o desenvolvemento deste programa de Xantar na Casa, xa que entre Concello de Monforte e os usuarios do mesmo, aportan o 53,34 % (un 26,67 % en cada caso), e a Xunta o 46,66 %.

“O que non se pode permitir é que unha deputada con responsabilidades políticas, diga que este é un Programa no que a Xunta ten o maior protagonismo, cando non chega nin a financiar o 50 % do mesmo, algo ó que xa estamos acostumados nos concellos, que seguimos asumindo competencias que nos son impropias e que corresponden á Xunta de Galicia”, sinala a tamén concelleira de Servizos Sociais.

O custo do servizo de xantar é de 6,60 euros por menú. Desta cantidade a persoa beneficiaria achega o 26,67 %, o Concello e Monforte achega o 26,67 % e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar o 46,66 % restante, é dicir que, o Concello aboa 1,76 euros por menú.

Cabe recordar que un dos dous piares fundamentais para o Equipo de Goberno nos seus orzamentos e no seu programa de goberno son os servizos sociais. Por elo, e en relación con este programa de Xantar na Casa, e para evitar as listas de agarda no mesmo, o Equipo de Goberno incrementou considerablemente en 2023 a súa aportación ó mesmo nos orzamentos municipais, concretamente un 57,80 % máis que en anos anteriores, cun aumento de 8.236,80 euros. E mantivo este incremento no ano 2024, polo que a cantidade designada nos orzamentos municipais de 2024 para este programa é de 22.484 euros en axudas.

“Este programa é moi importante para nós”, destaca a tenente de alcalde “porque grazas a el, moitos maiores poden seguir mantendo nos seus fogares unha alimentación saudable e sen esforzo. Deste xeito, dende o Concello damos cobertura total ós solicitantes deste programa, atendendo a 35 persoas na actualidade”.

Ademais, o incremento levado a cabo en 2023 e mantido en 2024 polo Concello fixo posible que non houbera listaxes de espera neste programa, atendéndose a todos os usuarios, a través das 35 prazas que se ofertan. “Esta liña de acción é moi importante para nos porque gracias a ela, moitos dos nosos maiores poden seguir mantendo nos seus fogares unha alimentación saudable e sen esforzo”, conclúe Prada, “porque o noso obxectivo é o benestar dos nosos maiores, e das persoas en xeral, e por iso imos seguir apostando por políticas que axuden ós nosos cidadáns”.

0.18755912780762