Quiroga prepárase para celebrar o San Martiño 2025

O Concello de Quiroga ten xa todo listo para celebrar o seu patrón, San Martiño, cun programa que combina actividades culturais, tradición e música.
A programación arrancará na fin de semana previa á festividade, con dúas propostas culturais destacadas. O venres 7 de novembro, a Casa da Cultura acollerá a proxección da curtametraxe ‘Pura’, gañadora dos Premios Mestre Mateo 2025. A cita, organizada pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo en colaboración co Concello, contará coa presenza da directora Carmen Méndez, que presentará a obra e participará nun coloquio posterior. A actividade, con entrada gratuíta, comezará ás oito da tarde no salón de actos da Casa da Cultura.
O domingo 9 de novembro, será a quenda do Centro Dramático Galego, que levará ao municipio o seu último espectáculo, ‘A Serie Clopen’, a primeira produción propia da compañía, estreada o pasado mes de setembro. O circo é o eixo central desta proposta multidisciplinar que combina acrobacias, danza, clown e humor para reflexionar sobre os retos da mocidade nos tempos actuais. A función terá lugar ás sete da tarde e as entradas, a un prezo de 5 euros, están xa á venda na web ataquilla.com.
A festa grande chegará o martes 11 de novembro, día de San Martiño e festivo local en Quiroga. Os actos comezarán ás once da mañá cos oficios relixiosos e a procesión coa imaxe do santo pola Praza Maior, escenario tamén das actividades desta xornada. Pola mañá, o grupo de gaitas O Recanto será o encargado de poñer música á alborada, e pola tarde, a partir das sete, celebrarase o tradicional magosto con viño novo, acompañado da música de O Recanto e do DJ Michel.
Con este programa, Quiroga combina tradición e cultura para render homenaxe ao seu patrón nun ambiente festivo e participativo.