Quiroga intensifica a loita contra a vespa velutina con novas trampas selectivas

RibeiraSacraXa
Como parte do plan de choque, estanse a organizar sesións formativas dirixidas ao persoal de campo encargado da xestión das trampas, así como charlas informativas abertas á cidadanía
trampa-velutinas
5 May 2025

O concello de Quiroga reforza a súa loita contra a vespa velutina coa instalación de novas trampas selectivas, nunha actuación levada a cabo polo persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios da Xunta de Galicia. A medida enmárcase nunha campaña planificada, xeolocalizada e avalada por técnicos, científicos e investigadores que buscan frear a expansión desta especie invasora.

Estas trampas forman parte dunha estratexia integral impulsada pola Xunta que inclúe tamén a retirada de niños primarios, así como accións formativas e de investigación que se desenvolverán ao longo do ano nas catro provincias galegas.

A localización das trampas determínase a partir dunha análise dos datos recompilados en campañas anteriores, co obxectivo de maximizar a súa eficacia. Os dispositivos revísanse cada 10 ou 15 días para contabilizar as capturas e repoñer o líquido atraente.

O trampeo nesta época do ano é clave, xa que permite capturar as raíñas antes de que constrúan novos niños, axudando así a controlar a poboación de vespas velutinas. Ademais, grazas ao carácter selectivo desta actuación e ao uso de trampas específicas, minimízase o risco de afectar outras especies.

Como parte do plan de choque, estanse a organizar sesións formativas dirixidas ao persoal de campo encargado da colocación e revisión das trampas, así como charlas abertas á cidadanía para concienciar sobre o ciclo biolóxico da vespa velutina, a súa expansión e os impactos socioeconómicos e ambientais que provoca.

Tamén se está a promover a investigación científica para entender mellor o comportamento desta vespa e atopar os métodos máis eficaces para frear a súa propagación.

As persoas que detecten un niño de vespa velutina poden comunicalo a través do teléfono de atención cidadá 012, operativo as 24 horas do día, todos os días do ano. Ademais, poden empregar a aplicación móbil Contravelutina, unha ferramenta que permite enviar avisos con datos de xeolocalización e fotografías, e que é utilizada pola empresa pública Seaga para xestionar en tempo real os casos rexistrados en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.17067790031433