Quiroga celebrará as Letras Galegas con teatro, música, concursos e moita literatura

O Concello de Quiroga celebrará o Día das Letras Galegas cunha completa programación que inclúe espectáculos teatrais, concursos para nenos e actos conmemorativos centrados na figura das cantareiras, protagonistas deste ano.
Un dos principais eventos é o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2025, convocado pola Biblioteca Pública Municipal na súa fase local. O certame, aberto a todos os nenos e nenas que queiran participar, leva por tema “Ler con coñecemento” e pretende fomentar a creatividade e o gusto pola lectura e a escritura entre os máis pequenos.
Na categoría de narración, os traballos deben ter unha extensión máxima dun folio por unha soa cara, escritos a ordenador, mecanografados ou a man con bolígrafo. Non se admitirán textos escritos a lápis. Os debuxos, pola súa parte, deben realizarse sobre papel ou cartolina de tamaño aproximado DIN A4. Cada obra deberá ir acompañada dunha folla cos datos do autor escritos en letra maiúscula.
O prazo de entrega remata o 12 de maio, e os traballos deberán entregarse na Biblioteca Municipal. Establécense tres categorías por idades: A (ata 8 anos), B (de 9 a 11 anos) e C (de 12 a 16 anos). Un xurado composto por persoas entendidas na materia seleccionará ata tres traballos por modalidade e categoría. Os gañadores daranse a coñecer antes do Día das Letras Galegas e os traballos premiados pasarán á fase provincial, organizada pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Como actividade previa ao 17 de maio, este sábado 10 de maio ás 17.00 horas terá lugar na Casa da Cultura a representación de “Pelica de Burra”, un espectáculo-obradoiro de narración oral e música pensado para o público familiar. Estará protagonizado pola narradora e educadora Vero Rilo, acompañada do músico Luís Iglesias. A obra sitúase no ano 2735, nun futuro onde non existen os contos nin a música. A protagonista, Pelica de Burra, decide volver ao pasado para recuperar as palabras perdidas. Esta actividade está incluída no programa de dinamización do galego “FalaRedes” da Secretaría Xeral da Lingua.
O xoves 15 de maio ás 11.00 horas, tamén na Casa da Cultura, a compañía Tropa de Trapo presentará “4 Monos”, unha obra na que se representan catro contos que abordan as relacións humanas e co medio, coa idea de soñar con un mundo mellor. A proposta está dirixida ao alumnado do CEIP de Quiroga e forma parte do programa de animación á lectura “Ler Conta Moito” da Consellería de Cultura.
O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello celebrará un acto institucional en homenaxe á poesía popular oral e ás cantareiras galegas. Este ano a homenaxe estará centrada en seis mulleres que foron transmisoras de arte e tradición: Adolfina e Rosa Casás (de Cerceda), Eva Castiñeira (de Muxía) e as Pandereteiras de Mens (Malpica).
A xornada comezará ás 13.00 horas na casa consistorial coa entrega de premios aos gañadores do certame de narración e debuxo. A celebración contará tamén coa actuación do grupo de gaitas “O Recanto”, que porá a nota musical a unha festa que busca poñer en valor a nosa lingua, a nosa cultura e as voces das mulleres que a mantiveron viva ao longo do tempo.