Quiroga acondiciona as rutas de sendeirismo da Rede Natura

RibeiraSacraXa
O Concello contou cunha achega de 17.000 euros para limpar as rutas, sinalizalas, recuperar elementos danados e crear pequenas infraestruturas.
quiroga ruta sendeirismo vilarbacu
8 Apr 2021

O Concello de Quiroga acondicionou as rutas de sendeirismo do municipio incluídas dentro da Rede Natura. O proxecto, que se realizou en dúas anualidades e contou cunha achega autonómica de 17.000 euros, supuxo a limpeza das rutas, sinalización, recuperación de elementos danados e a creación de pequenas infraestruturas.

Entre as actuacións máis destacadas, sinalizouse o antigo camiño que se utilizaba para baixar o ferro desde o monte Formigueiros, creouse un punto de observación da antiga mina de antimonio de Vilarbacú e púxose en valor un novo forno de cal.

Os traballos de limpeza e sinalización, mediante franxas paralelas en cor branca e amarela, realizáronse nas rutas homologadas do Val do río Quiroga, do Pregamento Xeolóxico de Campodola, na circular da Lagoa da Lucenza, no camiño do Ferradal, na ruta da Seara a Rugando e na ruta circular Montouto.

OS TRABALLOS

Coa sinalización na ruta da Seara a Rugando recuperouse ademais un camiño que durante séculos se empregou para baixar o mineral de ferro desde os xacementos do Monte Formigueiros ata as ferrerías do Mazo, Soldón, Outeiro e Rugando. Foi a principal vía de comunicación desde as zonas de montaña ata o val do Sil.

No camiño tradicional de Vilarbacú ao Pía Páxaro realizáronse melloras encamiñadas á recuperación desta contorna mineira. Ademais da sinalización, limpouse o sendeiro tradicional das casas da mina ao Pía Páxaro e o camiño á boca da mina do Cofarín. De igual xeito, creouse un punto de observación do complexo mineiro de Vilarbacú, coa colocación de dous paneis interpretativos e sinais de dirección para chegar a este punto. A antiga mina de antimonio foi unha das máis importantes de España, chegando a ter unha produción de 260 toneladas de mineral antes do seu abandono no ano 1958.

Na ruta circular de Montouto, que percorre os bosques autóctonos das devesas de Montouto, Mazales e O Cervo, recuperouse a ponte de madeira tradicional na entrada da devesa do Cervo.

Ademais do acondicionamento de todas as rutas incluídas na Rede Natura, tamén se realizaron traballos no souto da caleira de Cereixido, onde se mellorou o camiño de acceso e recuperouse un novo forno de cal que estaba soterrado. O novo forno, moi preto do que xa se podía visitar nesta zona, estaba practicamente soterrado. A singularidade deste lugar radica agora en que é o único que se coñece que teña dous fornos de cal xuntos, e non se descarta a posibilidade de que haxa algún máis.

0.18704199790955