Quiroga acolleu unha xornada do proxecto 'O Courel Destino e Futuro' que proxectou plans de futuro
A xornada do proxecto 'O Courel Destino e Futuro' celebrada en Quiroga, deixou como reivindicación a continuidade no financiamento por parte do MIITECO para 2025.
O responsable deste proxecto, José María López Bourio, afirmou na clausura ante o alcalde de Quiroga e representantes da Xunta de Galicia, “que un proxecto de tanto alcance como este en tres concellos que estiveron abandonados polas Administracións Públicas non resolve o Reto Demográfico nun só exercicio”, ao referirse a que a España baleirada "está abandonada por estas adminsitracións e que o atraso de decenios hai que abordalo a medio prazo. Nun ano traballamos moito polo Courel, con actividade nos tres concellos, pero os obxectivos de crear empresas, emprego e condicións de vida digna non se reverten nun ano, queda moito por facer”, afirmou López Bourio.
Por todo isto, explicou que a consultora Noa Innova volverá insistir ante o MITECO para conseguir financiamento e non defraudar as expectativas que xa se crearon entre a cidadanía.
Por outra parte, fíxose un balance do proxecto, no que destaca unha participación cidadá "non de todo intensa" e obsérvase un “cansazo” cidadán por plans, proxectos, mensaxes, promesas incumpridas en anteriores plans polas Administracións.
Con todo, en termos empresariais a participación e interese polo desenvolvemento de O Courel é "boa, aínda que focalizada en poucas persoas, que son líderes na comarca e no sector de actividade, no que actúan o viño, o turismo, e en base a eles como exemplo poderanse executar futuros proxectos de desenvolvemento empresarial".
Proxectos de futuro do proxecto
A unidade de actuación entre os tres concellos "debería de ser o obxectivo principal" das administracións,din, "que ao estar todas baixo a figura do Xeoparque Montañas do Courel, serve de elemento vertebrador para outras actuacións que poñan o foco sobre o conxunto da comarca, sen que ningún dos concellos se vexa ninguneado nin prexudicado pois, ao contrario, con actuacións globais a pretensión é atraer e reter poboación".
As críticas máis reiteradas por parte de cidadáns e empresas refírense ao deixamento das administracións en canto ás infraestruturas e aos servizos, tanto pola Deputación como pola Xunta de Galicia e as queixas máis reiteradas refírense á carencia ou escaseza de servizos sanitarios.
Por outra banda, na ordenación do territorio, ao estar a maior parte cuns niveis moi altos de protección e a obrigatoriedade do cumprimento dos ODS, "fai dificultoso que se poidan tramitar solicitudes de reformas, rehabilitación, instalación de novas actividades empresariais, ben sexan relacionadas co turismo rural, coa explotación vitivinícola, a forestal e outras", explican.
"A carga burocrática que soporta o medio rural é moi importante, pois nos informes previos para iniciar unha actividade ou construír ou rehabilitar interveñen demasiados actores públicos, organismos de todo tipo, augas, cultura, patrimonio, urbanismo, o que retarda en meses, se non en anos a obtención dunha licenza", denuncian.
Todo isto repercute na fixación de poboación e neste ámbito detectan situacións situación centrada nos núcleos urbanos de Quiroga e de Ribas de Sil, "nos cales a tipoloxía construtiva é máis do estilo de edificación de cidade, con vivendas de dúas ou tres pisos, aínda que se dá a situación de que, existindo inmobles baleiros estes non van ao mercado de alugueiro pois moitos dos seus propietarios prefiren telos pechados".
Ademais de todo isto, "a situación agrávase se queremos afrontar obras de rehabilitación ou de nova construción xa que hai carencia de man de obra cualificada sobre todo naquelas especialidades nas que pola tipoloxía e singularidade das edificacións é necesario actuar respectando a construción tradicional a base de lousa e madeira.
O desenvolvemento económico do Courel, ademais de afrontar o obxectivo sobre o reto demográfico para conseguir non só non perder máis poboación, se non conseguir atraer outros cidadáns que queiran instalarse ou traballar na comarca, pasa pola actuación conxunta desde os tres Concellos.
Acción conxunta dos tres concellos
Desde o proxecto promoven catro accións:
- Afrontar un plan unificado de comunicación no que os tres concellos estean presentes e, sen perder a súa identidade, se sumen a un proxecto común de imaxe e atracción no que destaquen as fortalezas que en conxunto poden ofrecer para establecer novas empresas e crear emprego e para glosar as potencialidades da natureza e das actividades turísticas para atraer visitantes.
- Que establezan unha colaboración en canto á atracción de nova poboación baseada nunhas políticas de vivenda que poidan ter algún incentivo de tipo económico e de facilidades burocráticas. Unha bolsa de activos inmobiliarios con identificación de propietarios e custos de alugueiros.
- Fomentar a creación dunha escola-taller de oficios relacionados coa construción e rehabilitación para pasar do actual modelo de obradoiros de emprego a outro modelo no que os traballadores participantes obteñan unha cualificación profesional que lles permita traballar por conta allea ou crear o seu autoemprego. Ou mesmo estudar a posibilidade de crear no actual instituto de Quiroga un ciclo de FP de hostalería, turismo, viticultura. Todo iso contribuiría a que ademais de ter profesionais formados, habería unha poboación que quedaría na zona porque atoparía onde traballar.
- Aceptar a proposta dunha imaxe de marca para os produtos do Courel e das feiras que se celebran anualmente nos tres concellos, todo iso sen perder a identidade de cada un, o que faría destacar a imaxe gráfica, o colorido, a tipografía, a difusión, os medios dixitais e de papel, de forma que todo se identificase co Courel e que esa percepción a tivese calquera cidadán que entra en internet para consultar, ver, informarse, facer turismo ou pensar en instalarse.