A oitava edición das Xornadas Abertas do Foro Español dos Xeoparques terá lugar en Quiroga
Dende este xoves, a Casa da Cultura de Quiroga acolle a oitava edición das Xornadas Abertas do Foro Español dos Xeoparques. Neste encontro, reuniranse preto de 40 representantes dos actuais 15 Xeoparques Españois da UNESCO para celebrar a xuntanza anual, que nesta ocasión leva por título: A que saben os Xeoparques Mundiais da UNESCO en España.
Entre o mércores 25 e o venres 27, desenvolveranse visitas a 14 puntos de interese das montañas do Courel e organizaranse reunións de traballo para facer balance do traballo realizado neste 2023 de cara á planificación das actividades a desenvolver no 2024.
A programación comeza o mércores ás 10.30 horas cunha visita ao Centro de Interpretación das Covas de Meiraos, á Devesa da Rogueira, ao castro da Torre e á aldea paleozoica de Seceda. O Foro Español do Xeoparque reunirase na Cova da Aldea do Mazo ás 18.30 horas.
Mesas redondas
A xornada do xoves comeza ás 10.15 cunha visita ao miradoiro do Castelo de Carbedo, ao punto de observación Visuña, a cascada de Vieiros e ao miradoiro de Golada, na Seara. Ás 15.30 terá lugar a visita a Artesanía Armaior e unha cata de aceites.
A partir das 17.15 horas comezará a mesa redonda sobre Os paisaxes gastronómicos e ás 18.30 será a quenda da charla sobre Investigación, coordinación e servizos agroalimentarios nos xeoparques. A xornada rematará ás 20.30 tras a mesa redonda sobre a Promoción e difusión agroalimentaria nos xeoparques.
A programación do venres 29 comeza ás 10.45 horas na Oficina de Turismo de Folgoso do Courel para comezar a visita que pasará polo miradoiro de Campodola-Leixazós, polo Museo de Xeoloxía de Quiroga e polo Centro de Interpretación Minería Aurífera Romana-Xeocamping.