Publicada a resolución das axudas a plans de mellora de explotacións

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta aprobou un total de 1.206 subvencións por importe de 43,25 millóns de euros na última convocatoria realizada, do ano 2020
explotación gandeira muxa lugo
4 Nov 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se resolven as axudas de 2020 para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020. Así, un total de 1.206 agricultores e gandeiros beneficiaranse dun total de 43,25 millóns de euros.

No caso dos investimentos en explotacións agrarias (máis coñecidos como plans de mellora), aprobáronse 715 solicitudes cun importe de 29,76 millóns de euros. Polo tanto, a axuda media por expediente é de 41.600 euros. Se analizamos as achegas aprobadas por orientación produtiva, destacan o vacún de leite e o de carne, que representan o 60,5% e o 18% respectivamente das resolucións aprobadas.

No apartado destinado aos mozos, un total de 278 incorporaranse á actividade agraria grazas a estas subvencións. Todas as solicitudes que cumpriron os requisitos foron aprobadas cunha achega media superior aos 37.000 euros por beneficiario. En total, falamos de 10,30 millóns de euros cos que se garante o relevo xeracional no campo. Por sectores, unha vez máis, destaca o lácteo e o vacún de carne cun 35,6% e un 20% dos expedientes respectivamente.

Con respecto ás axudas específicas para pequenas explotacións, na convocatoria de 2020 beneficiaranse un total de 213 granxas cunha achega por beneficiario de 15.000 euros, sendo as mulleres as que máis solicitan este tipo de axuda. No caso desta liña, encabezan a repartición por orientación produtiva as explotacións de vacún de carne, que representan o 68,5% dos expedientes aprobados, seguidas polo vacún de leite co 15% dos expedientes. Respecto ao orzamento, a achega total ascende a 3,19 millóns de euros.

Obxectivos

Con esta orde de axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector agrario, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no medio rural.

Polo tanto, estas axudas teñen unha gran repercusión no campo galego porque implica un gran número de axentes que participan neste labor, desde as oficinas técnicas que elaboran os proxectos, ata os concellos que conceden as licenzas de obra e as pequenas pemes encargadas de realizar as obras contidas nos proxectos. Polo tanto, prodúcese un efecto multiplicador destas subvencións que dinamizan de maneira moi importante o medio rural.

Enlace á resolución:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211103/AnuncioG0426-251021-0006_gl.html


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19353008270264