Preto dun centenar de persoas concentráronse en Monforte a favor da sanidade pública

RibeiraSacraXa
O obxectivo da mobilización, convocada polo BNG, foi pedir á Xunta medidas urxentes para garantir unha sanidade pública de calidade na comarca de Monforte
concentracion-hospital-monforte
Concentración fronte ao Hospital de Monforte
6 Feb 2025

Ao redor dun centenar de persoas concentráronse este mércores, 5 de febreiro, na entrada principal do hospital comarcal de Monforte para reclamar melloras na sanidade pública. A mobilización, convocada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), contou coa presenza de varios deputados da formación no Parlamento de Galicia, entre eles Iago Suárez, Montse Prado e Iria Carreira.

Durante a concentración, os representantes do BNG denunciaron o progresivo desmantelamento da sanidade pública en beneficio da privada, un proceso que, segundo explicaron, está a ser impulsado con fondos públicos. Alertaron de que esta estratexia supón un grave risco para a equidade no acceso á atención sanitaria, xa que só aquelas persoas con recursos económicos poderán permitirse unha atención axeitada. Fronte a isto, destacaron a importancia de manter unha sanidade universal e pública que garanta os mesmos dereitos a toda a cidadanía.

A responsable comarcal do BNG, Rosana Prieto Florines, foi a encargada de ler un comunicado no que se reivindicaron máis recursos humanos e materiais para o hospital comarcal de Monforte, así como un reforzo do persoal de atención primaria e das especialidades médicas. Ademais, anunciou que se seguirán promovendo accións para presionar ao goberno galego e evitar que continúe a mesma estratexia que xa levou á perda de especialidades e servizos no hospital de Monforte.

Entre os asistentes á concentración atopábanse diversos cargos institucionais do BNG no sur da provincia de Lugo, como o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, o segundo tenente de alcalde de Quiroga, Xosé Manuel Fernández, e a deputada provincial Iria Castro. Todos eles expresaron a súa preocupación polo estado da sanidade pública na comarca.

A alarma sobre a situación sanitaria intensificouse a semana pasada cando se soubo que un mamógrafo avariado continuara en uso ata o día anterior, obrigando a derivar todas as pacientes con probas programadas a Lugo, xa que o hospital de Monforte non conta con este servizo. Ante este feito, o BNG cuestiona “que tería pasado se a CIG non chegase a denunciar publicamente esta situación”.

Con esta mobilización, o BNG busca que a administración galega tome conciencia da indignación cidadá e adopte medidas urxentes para garantir unha sanidade pública de calidade na comarca de Monforte.

0.17093896865845