Por un Interior Galego Vivo súmase ás reivindicacións polo Día da Muller
As mulleres de Interior Galego Vivo reivindican o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller Traballadora, que din "segue máis viva ca nunca"
Denuncian que a desigualdade de ingresos entre homes e mulleres continúa en "niveis inaceptables", un 18,5% menos, de media, nas mulleres galegas en 2021, "algo que se acentúa entre as mulleres dedicadas ao sector primario", explican.
Así, argumentan que esta diferenza "asenta na menor valoración dos empregos considerados femininos (e feminizados), con precariedade brutal no sector dos coidados, mesmo entre as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, que debera ser 100% público e con condicións laborais dignas en todo o territorio".
"Tamén se sustenta nunha desigual distribución do traballo de coidados de persoas menores e dependentes, que recae fundamentalmente nas mulleres, penalizando a nivel laboral a maternidade", sosteñen.Denuncian, por outra parte, as "difíciles condicións salariais e laborais das traballadoras das Casas Niño, penalizadas se enferman ou quedan embarazadas".
As mulleres maiores no rural
Desde Interior Galego Vivo denuncian a situación vulnerable que sofren as mulleres máis maiores, maioritarias no interior galego e explican que en 2021, a pensión media galega era de 14.498 euros, inferior á media estatal.
Expoñen que, deste xeito, o risco de pobreza na anciandade é máis elevado nas mulleres, estando as pensións de viudedade (maioritariamente femininas) nun 67,8% por baixo do limiar da pobreza.
Por todo isto, piden para este 8M corresponsabilidade e igualdade no reparto entre homes e mulleres das tarefas do fogar e de coidados, aumento exponencial do orzamento para políticas de Benestar, con especial importancia do Servizo de Axuda no Fogar, "que debe ser público", expuxeron.
Ademais, solicitan plans de mellora da situación laboral das mulleres do sector agrogandeiro, a erradicación da precariedade laboral en eidos feminizados como a Sanidade, Dependencia ou Servizos e a xeración de novos eidos de emprego no interior galego con boas condicións laborais e igualdade entre homes e mulleres.