Por se acaso

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
10 sep 2021

Por Noelia Castro Yáñez

Acostumámonos a ter algo antes de saber sequera que tiñamos ganas del. O meu admirado A., avogado de profesión díxome o seguinte en canto lle falei disto: “A min antes a xente pedíame por favor as cousas de hoxe para mañá, agora esíxenme hoxe, algo para onte.” Sen anestesia. Crémonos merecedores dunhs privilexios, que non dereitos, que non nos corresponden. Un dereito é recibir educación, un privilexio é sacar o carnet de conducir con dezaoito anos e ter un coche agardando no garaxe. E non me confundo se digo que agora vai o carro antes dos bois, e en numerosas ocasións, o coche precede ao exame aprobado. Non versa isto sobre a crítica puntual a este feito, posto que tamén haberá casos de xustificada necesidade de coche a unha idade temperá. Falo do despotismo, non ilustrado, predominante nas xeracións coetáneas. No deplorado que está o concepto do sacrificio e no pouco valor que se lle outorga á constancia. 

Un ano máis tarde, coido que nos confundimos priorizando, saír de festa non é un dereito, é un privilexio. E traballar para poder saír de festa debera ser unha necesidade. A modo de aclaración, entendendo por traballo o froito do esforzo. Se tivese que saltar agora mesmo ao céspede iría co equipo de “desta non saímos máis fortes, nin máis unidos. Saímos máis egoístas e infinitamente máis parvos”.  Mal que me pese. Pero coma Jabois, eu a verdade tampouco sei moi ben o que está ben e o que está mal, e é parte das miñas non vacacións discernilo. O que me gusta é ver que queda xente agradecida, persoas que non actúan coma se lles debeses algo. Creo firmemente no poder de cambio que ten a vontade de axudar. Nas pícaras que agradecen ás familias a oportunidade de vir á Academia, nos seus sorrisos tímidos porque saben que poden contar conmigo. Nos, “sinto molestarte”, que preceden a algunha mensaxe a deshora. Porque ese si é froito do traballo. Porque parte importante de que agora sexa Matemática, son os máis de dez anos que leva Ilde erguéndose antes co Sol. E todas as comodidades coas que contamos agora, coido de vital importancia ensinarlle a valoralas aos máis pequenos. Porque para chegar á casa e prender a chave da calefacción, costoulle ás avoas milleiras de carozas para acender a lareira. 

Non sei por cal dos grupos dalgunha coñecida rede social pasaron unha imaxe que di o seguinte: Os empregados xogan ao fútbol. As xerentes ao tenis. E as xefas, ao golf. Canto máis arriba, máis pequenas son as pelotas. Obviando o contido machista, que xa de por sí viñan todas as profesións en masculino, pero ides a permitirme a adaptación, para mandar, a unha faille falta xenio e carraxe. E saber de onde vén. Telos pés no chan, e non esquecer o valor do traballo, senón o propio, de todos cantos axudaron a posicionarte nunha escada superior. Énchesenos a boca describindo os éxitos e vánsenos os ollos a esa historia tan idílica de Instagram, sen decatarnos de que para espertar en Ibiza, houbo que erguerse moitas veces en Rábade. 

Descoñezo se segue a pintada no polígono de Cuíña que dicía: Se tupen los oídos a medida que se asciende a lo más alto. Por lela todas as mañás antes do instituto, agora acudo anualmente ao otorrino. Non vaia ser.

0.18707585334778