Por Chantada súmase ás reivindicacións educativas do municipio e pide a posta en marcha dun servizo de atención psicolóxica

RibeiraSacraXa
Desde o partido denuncian a situación da atención sanitaria en canto a saúde mental que viven os cidadáns chantadinos
Por-Chantada
4 Jun 2024

Por Chantada demanda compromiso por parte do Concello de Chantada e que "tome en serio dunha vez" a saúde mental.

Así, explican que no Diario Oficial da Galicia (DOG) número 234, do 12 de decembro de 2023, publicouse a resolución do 23 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Inclusión Social, pola que se daba publicidade ás axudas concedidas a entidades locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión para os anos 2023 a 2025, programa cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

En dita resolución, para as anualidades 2024 e 2025, o Concello de Chantada recibiu 129.961,8 euros para dous programas (sendo o groso das contías para a anualidade en curso): servizo de educación e apoio familiar, co que financian unha traballadora da plantilla habitual desde hai anos, e servizo de atención psicolóxica, que debería permitir despregar unha nova praza. Ademais, este atraso pon en perigo que a subvención poida percibirse, xa que o prazo para xustificar a oferta do servizo remata o 30/04/2025.

Porén, as equipas de orientación xa se reuniran co Concello co gallo do programa KIVA e demandaron a urxente necesidade dunha praza de atención psicolóxica para a infancia e mocidade.

"Vendo como desde novembro o Goberno local non movía un dedo", denuncian, os Departamentos de Orientación dos centros educativos de Chantada enviaron o pasado 8 de febreiro unha solicitude ao alcalde que "a día de hoxe aínda non foi atendida nin obtivo calquera resposta". Concretamente, as profesionais sinalan que se rexistra "un aumento das necesidades educativas e sociais do noso alumnado, xa desde varios cursos atrás, pero que cada ano se vai incrementando".

As razóns deste incremento, explican, son a incorporación serodia de alumnado procedente doutros sistemas educativos, as condicións de vulnerabilidade social ou as dificultades no estudo e a desmotivación de moitos outros, ao que engadir o impacto das RRSS e a detección de condutas e problemáticas que requiren atención especializada e que cada vez irrompen dun xeito máis precoz.

"Unha situación peor cada ano que pasa"

Desde Por Chantada din que a saúde mental xa ocupou parte das propostas de Por Chantada no pasado e "lamentamos que nos encontremos nunha situación aínda peor cada ano que pasa, en boa medida pola desastrosa situación da atención sanitaria en psiquiatría e psicoloxía na área sanitaria lucense, onde a falta de profesionais, tanto no Hospital de Monforte canto no HULA, onde leva meses sen cubrirse a baixa dunha psiquiatra infantil e só hai unha para toda a área sanitaria e onde as citas en psicoloxía son tan breves e espazadas no tempo que non teñen calquera efecto, obrigando a quen pode a recorrer á privada e excluíndo ao resto da poboación do acceso aos profesionais en saúde mental".

Por todo iso, Por Chantada concorda coa demanda das profesionais da Orientación do CEIP Plurilingüe Eloísa Rivadulla, CEIP Plurilingüe Xoán de Requeixo, IES Val do Asma e IES Lama das Quendas; na que solicitan "a posta en marcha dun servizo de atención psicolóxica, que poda apoiar as medidas de atención á diversidade que corresponden ao sistema educativo, dada a falta de recursos na contorna", que se traduce en que moitas familias se vexan impedidas de axudar os seus fillos e fillas "para unha mellor integración e benestar persoal e social que repercuta positivamente no rendemento académico".

Así, desde Por Chantada din que "é difícil entender o desleixo do PP en Chantada e semella que a saúde mental non está na súa axenda, como tampouco o benestar a da infancia e da adolescencia que non se soluciona con fotos ou festas, senón con servizos robustos que dean resposta ás crecentes necesidades en materia de saúde mental. Coidar as novas xeracións é contribuír a reforzar o noso futuro colectivo".

Para Por Chantada o prioritario e urxente para os gobernos é dar bos servizos á cidadanía e atender o seu benestar, "en contraste cun modelo do PP que abandona as prioridades da poboación, mantén o rural na cuarta división, neglixencia preparar o concello para o futuro e céntrase unicamente en política de panem et circenses".


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18067097663879