Por Chantada presentará dúas mocións no vindeiro pleno co fin de prestar servizo á sociedade
Por Chantada presentará dúas mocións no vindeiro pleno co fin de dar voz á sociedade civil e incentivar a participación veciñal.
A primeira moción repercutirá no sector lácteo en busca de medidas e melloras nas condicións laborais e de explotación. A moción do Sindicato Labrego Galego inclúe unha análise feita por esta agrupación que afirma que este sector, segue sendo clave en Galicia. É a actividade agraria con maior importancia. As cifras insisten en que os galegos contan co maior número de toneladas de leite, de vacas (40% do censo de vacas leiteiras maiores de 24 meses son galegas) e de gandeiros e as gandeiras, o 56% son galegos.
Os datos medios dunha granxa galega, segundo a Estratexia do sector lácteo, é aquela que ten 42 vacas e 22 becerras, 25 has repartidas nunha media de 60 parcelas cunha superficie media por parcela de 0,4 ha/parcelas, 1,32 unidades de traballo anuais e 340.000 quilos de leite de produción anual. Non obstante, estas cifras medias agochan unha gran diversidade xa que, o 80% das granxas son pequenas ou moi pequenas , o 13% medianas e o 7% grandes, entendendo por grandes as que teñen unha media de 163 vacas de media e 97 becerras de recría.
Ademais, os prezos non chegan para cubrir custes de produción e o número de gandeiros e gandeiras con entregas de leite non deixa de descender. Polo que “nestas condicións, non é posible que unha granxa de leite media deste país xere ingresos a través da venda de leite. Todas as crises no sector lácteo que levamos vividas foron moi dolorosas para o sector e esta non parece ser menos”.
Consecuentemente, o Sindicato Labrego Galego demanda para o sector, a convocatoria urxente da Mesa do Leite pola Consellaría de Medio Rural; a obrigatoriedade de crear índices de referencia vinculantes para impedir prezos e condicións abusivas desde o Ministerio, que debe actualizar a Consellaría; un sistema de mediación que impida os abusos sobre a parte produtora e que garanta que os contratos non sexan de adhesión. Dito sistema de mediación será en Galicia. Tendo a maior rexión produtora do Estado, non é normal ter que acudir a cortes de arbitraxe ou sistemas de mediación en Madrid; que ningún operador lácteo poida operar se non ten aval suficiente para o pago do leite, ou se teñen detectado faltas de pagamento con anterioridade, pois as granxas non son entidades financeiras; liña de traballo urxente coas Administracións para reducir os custos de produción e liñas de axuda á desintensificación; compromiso por parte do Concello de Chantada de non mercar leite de empresas que estean a pagar prezos inxustos aos gandeiros e ás gandeiras galegas, decantándose por marcas galegas que merquen e procesen o leite na Galicia. E, se fora posible, consumo de leite e queixo producido e transformado na comarca.
A segunda moción presentada por este grupo será para o seguimento do contrato do SAF afirmando que “a privatización do SAF contemplaba a posibilidade e mesmo a necesidade de seguimento do contrato, máxime cando a súa contía é moi elevada e o servizo que se oferta moi importante para o conxunto da comunidade. As irregularidades e deficiencias que fomos facendo chegar ao pleno tiveron amais correlato xurídico con varias sentenzas condenatorias como o abuso dos servizos mínimos, o incumprimento do convenio colectivo, e dous despidos improcedentes”.
Por Chantada afirma que “por isto e outras eivas, que atinxen ao convenio e ás condicións laborais e económicas deste sector altamente feminizado e precarizado, demandamos do Goberno informes que aclaren as irregularidades recollidas nas sentenzas xudiciais para a imposición das sancións que sexan pertinentes (cláusula trixésimo segunda – Prego de Cláusulas Administrativas) ou mesmo a resolución de contrato (cláusula trixésimo cuarta - Prego de Cláusulas Administrativas) nos termos previstos nos pregos e na Lei de Contratos do Sector Público. Tamén lle solicitamos á Corporación e os grupos nela representados un compromiso para facer as xestións necesarias para a remunicipalización do SAF”.
A agrupación solicita “a rescisión inmediata do contrato con Samaín e a volta a un servizo público de calidade para todas e todos. Exixímolo tamén porque, para alén de todos estes incumprimentos e irregularidades, temos un peor servizo e cun custe que aumentou drasticamente”.